“A tradición galega ten na gastronomía unha nova vía de expresión onde amosar a nosa personalidade e creatividade”, afirma Anxo Lorenzo

O secretario xeral de Cultura presidiu esta tarde a entrega de distincións aos restauradores galegos no Xantar 2012, en Expourense

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa de forma activa na décimo terceira edición do salón de Gastronomía e Turismo a través dun stand con información sobre Formación Profesional

Mér, 01/02/2012 - 20:45

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu esta tarde, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a entrega dos recoñecementos aos restaurantes galegos que contan coas distincións Soles Repsol e Estrella Michelín, un acto no que se celebrou no marco XIII edición do Salón de Gastronomía e Turismo, Xantar 2012, en Expourense.

Anxo Lorenzo felicitou os profesionais galardoados, “polo que ofrecen de noso como pobo e por manteren a imaxe de Galicia como un centro de atención gastronómica máis alá das nosas fronteiras”. Ao fío disto, destacou a extraordinaria evolución que experimentou a gastronomía nos últimos tempos. “Grazas ao colectivo de restaurades –dixo–, a nosa tradición atopou na gastronomía unha nova vía de expresión marcada pola nosa personalidade irrenunciable e por unha creatividade sentida nunha magnífica harmonía co que representamos como sociedade”.

Xunto coa tradición, Anxo Lorenzo destacou que “a actual gastronomía galega tamén incorpora as correntes do mundo globalizado no que vivimos”. Neste sentido, considerou que “a apertura a novos sabores e a novas texturas nos axuda a ver a realidade desde novas perspectivas e a comprender o que outros manifestan”.

Distincións aos restauradores galegos

Neste acto foi recoñecido o traballo dos restaurantes que posúen estas distincións de calidade en Galicia, froito dun esmerado traballo a prol da nosa gastronomía. Nomeadamente, recolleron cadanseu recoñecemento Julio Cesar Castro, de Restaurante Dos Reis (Santiago de Compostela); Flavio Morganti, de Restaurante Galileo (Pereiro de Aguiar), Alberto Domínguez, de Restaurante d'Berto (O Grove); Felipe Álvarez, de Casa Alfredo (Mos); Javier Olleros, de Culler de Pau (O Grove); Alberto González, de Restaurante Silabario (Tui); Alfredo Castrelo, de Restaurante El Refugio (Oleiros); Manuel Balseiro, de Restaurante Nito (Viveiro); Marcelo Tejedor, de Casa Marcelo (Santiago de Compostela); Ana García, de Restaurante Ana (Santiago de Compostela); e Chito Bóveda, de Casa Bóveda (Carril)

A Consellería en Xantar 2012

Despois da entrega de recoñecementos, o alumnado de Formación Profesional do IES Vilamarín serviu un cóctel, como parte da súa participación neste salón. De feito, estes estudantes de ciclos formativos da familia de Hostalería e Turismo están a prestar  asistencia nos diferentes obradoiros, catas e degustacións que se celebran en Xantar 2012, reforzando así a súa formación.

Ademais de presidir este acto, Anxo Lorenzo percorreu os diferentes espazos de Xantar 2012, que se inaugurou hoxe en Expourense, un salón que ten como obxectivo o impulso e difusión  da gastronomía galega, e que clausurará o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o vindeiro día 5. Un ano máis, a Consellería participa de forma activa en Xantar a través dun stand no que as alumnas e os alumnos do CIFP A Farixa lles dan a coñecer aos visitantes a oferta formativa das distintas familias de Formación Profesional, con especial atención á familia de Hostalaría e Turismo ,e Industrias Alimentarias.

No stand tamén se ofrece información sobre o proceso de acreditación de competencias que a Consellería vén de poñer en marcha, e que conta con prazas en unidades de competencia en ciclos das devanditas familias profesionais.

Menús News node R

Tema