O grupo Talía remata a súa estadía no Salón Teatro con dúas funcións de “Volpone”, unha fábula sobre a avaricia e a luxuria

A montaxe, con dirección e dramaturxia de Roberto Salgueiro, poderá verse o venres 3 e o sábado 4 ás 20.30 horas

A obra máis famosa e representada do dramaturgo británico Ben Jonson retrata satiricamente a obsesión humana por acumular riquezas e poder.

Artur Trillo, Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ríos, Diego Rey, Gustavo G. Dieste, David Creus e Rubén Prieto interpretan os personaxes estereotipados que presenta o espectáculo.

Mér, 01/02/2012 - 17:09
O grupo Talía remata a súa estadía no salón teatro con dúas funcións de “Volpone
O grupo Talía remata a súa estadía no salón teatro con dúas funcións de “Volpone”, unha fábula sobre a avaricia e a luxuria

A compañía Talía ofrece no Salón Teatro de Santiago dúas funcións de Volpone ou comedia de Mosca, que terán lugar o venres 3 mailo sábado 4 ás 20.30 horas. Realizada baixo a dramaturxia e dirección escénica de Roberto Salgueiro a partir do clásico do dramaturgo británico Ben Jonson, a peza constitúe unha mordaz sátira da debilidade humana e de ata onde nos poden facer chegar as ansias por acumular beneficios e poder. Con estas dúas representacións, o grupo de Cee terá rematado a súa presenza dentro da programación do espazo do Centro Dramático Galego, xa que na última semana desenvolveu outras sete funcións para escolares e dúas para público xeral da súa última produción, Pelos na lingua.

Volponeretrata satiricamente os nobres en non tan nobres señores, que teñen como principal interese reunir fortunas sen importar o ridículo que teñan que facer nin o custe que outros teñan que pagar. Un elenco de nove actores (Artur Trillo, Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ríos, Diego Rey, Gustavo G. Dieste, David Creus e Rubén Prieto) interpreta este espectáculo no que os personaxes aparecen caricaturizados e estereotipados, con características precisas que os definen. Tanto a escenografía como o vestiario, asinados tamén por Roberto Salgueiro, así como as máscaras, realizadas por Carlos Portomeñe, apoian unha proposta moi fiel á orixinal, na que a expresividade é fundamental.

Coetáneo de Shakespeare

Estreada en 1605 baixo o título de Volpone ou o raposo, esta é a obra máis coñecida e representada de Ben Jonson (1572-1637), considerado na súa época o mellor dramaturgo do momento, por riba incluso do seu coetáneo William Shakespeare. Centrado en revitalizar a lingua inglesa e os valores morais, Jonson predica con toda claridade no seu Volpone o profunda que pode chegar a ser a estupidez do home cando deixa que a avaricia sexa o eixo da súa vida.

Na versión de Talía Teatro, Roberto Salgueiro cambia o título orixinal por Volpone ou comedia de Mosca, xa que é este personaxe do criado o fío condutor que fai e desfai, o que pon en marcha as estratexias para conseguir aquilo que o seu amo desexa. O criado Mosca, que nun principio parece quedar á marxe da sede de poder e cartos e moverse tan só por agradar ao seu amo, queda atrapado cara ao final nas mesmas redes avarentas que o resto.

Inesperado desenlace

Cun vestiario colorista que contrasta coa neutralidade dunha escenografía chea de sorpresas, esta fábula cóntanos a historia do rico ancián Volpone e as loitas dos que o rodean para facerse coa súa herdanza. Todos eles (Corvino, Corbaccio, Voltore e a Viúva) créndose os seus herdeiros, agardan ansiosos a morte do vello, pero esta tarda en chegar. O propio Volpone, coa axuda de Mosca, urde todo tipo de artimañas, cada vez máis perversas e arrevesadas, para enganar aos que se cren estafadores e quitarlles todo canto queren mentres eles non escatiman en esforzos por agradar ao vello. Un día chega ata os ouvidos de Volpone a grande beleza de Celia, a muller de Corvino, e  decide que os cartos non son suficientes para conseguila. Entra en escena entón o nobre Bonario, un mozo recto que, xunto con Celia, pon cara á virtude nesta obra e fai que a acción se precipite nun divertido e inesperado desenlace.

A montaxe, non recomendada para menores de 13 anos, incide continuamente nas ansias de poder do ser humano e as súas consecuencias, así como na obsesión por acumular riquezas e propiedades, obsesión da que nesta versión de Roberto Salgueiro non escapa nin o Estado.

Venda de entradas

As entradas para asistir ás dúas representacións de Volpone poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.

Menús News node R

Tema