Cultura e Educación instalará un sistema complementario de calefacción no CEIP Amadeo Rodríguez Barroso para facer fronte ás previsións meteorolóxicas de vaga de frío

Colocaranse calefactores de forma provisional para o benestar da comunidade escolar diante das baixas temperaturas que se esperan nos vindeiros días
Mér, 01/02/2012 - 16:40

A xefa territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Marisol Díaz Mouteira, anunciou hoxe que a Consellería vai colocar, de forma provisional, un sistema complementario de calefacción de apoio no CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, co fin de que a comunidade escolar deste centro non se vexa afectada pola vaga de frío que a previsións meteorolóxicas apuntan para os vindeiros días. Así, a Consellería colocará calefactores nas aulas, co fin de garantir o benestar nas mesmas, ademais de manter o actual sistema de calefacción acendido as 24 horas do día, co obxectivo de caldear as aulas.

Ademais, a Unidade Técnica da Consellería e da Xefatura Territorial continúa a traballar para conseguir que as aulas acaden unha temperatura axeitada. Cómpre lembrar que o centro conta cun sistema de calefacción por aire, situado nos teitos das aulas, polo que en ocasións non se acumulaba a calor necesaria para manter as instalacións a unha temperatura óptima.

Con obxectivo de solucionar esta circunstancia, técnicos da Consellería e da Xefatura Territorial reuníronse onte no CEIP Amadeo Rodríguez Barroso con 3 técnicos de laboratorio de control de Applus, 4 representantes da empresa que executou a obra do colexio, e o arquitecto e aparellador da dirección facultativa da obra. Tras recoller os resultados das medicións de temperatura efectuadas na última semana, o persoal técnico acordou realizar actuacións para conseguir acadar unha temperatura homoxénea en todas as aulas, emulando aquelas nas que se conseguen unhas condicións óptimas.

Neste sentido está previsto actuar sobre as entradas de aire de ventilación, co fin de minimizar a entrada de aire frío a través das mesmas, así como estudar outras posibles alternativas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Xefatura Territorial en Ourense, mantívose en contacto desde o primeiro momento co centro para informalo das posibles actuacións e solucións, buscando sempre o máximo benestar para a comunidade escolar.