O secretario xeral de Política Lingüística louba o labor de Arturo Noguerol a prol da lingua e da cultura galegas

Valentín García participou hoxe nunha homenaxe ao galeguista Arturo Noguerol en Ourense

A Irmandade Xurídica Galega promoveu a instalación dunha placa no edificio que foi sede da primeira administración da revista Nós

O Centro Cultural da Deputación foi o escenario da presentación da obra ‘Ética e estética de Arturo Noguerol’, da man do biógrafo do homenaxeado

Mar, 31/01/2012 - 21:05

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, participou hoxe á tarde nun acto de homenaxe a Arturo Noguerol, galeguista e xurista ourensán que foi membro da Xeración Nós, das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos.

Valentín García salientou na súa intervención o labor de Arturo Noguerol como “home da Administración local de Galicia a prol do galeguismo e da promoción da lingua propia de Galicia”. Así mesmo o secretario xeral destacou a importancia da xeración á que pertenceu Noguerol que marcou “un paso adiante no traballo conxunto pola lingua galega e na vontade compartida de garantir un futuro sólido para o idioma e para o pobo galego”. En palabras do responsable de Política Lingüística “A Rede de Dinamización Lingüística do Goberno galego conxuga hoxe lingua galega e Administración local” para darlle continuidade a este proxecto secular, xa que “desde a experiencia do traballo con ambas as dúas é importante a busca de lugares comúns e estables desde os que traballar con efectividade”.

O acto de homenaxe comezou coa descuberta dunha placa no número 12 da rúa Padre Feijóo, en que tiveron a súa sede o bufete de avogados de Noguerol e a primeira administración da revista Nós en Ourense. Posteriormente tivo lugar a presentación da obra ‘Ética e estética de Arturo Noguerol’, da autoría de Fernando Román, biógrafo do homenaxeado, no Centro Cultural da Deputación de Ourense,.

Na homenaxe participaron -canda Valentín García e Fernando Román- o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, e o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Montegudo.

Menús News node R