A Consellería presenta aos sindicatos a proposta de aprazamento da convocatoria de oferta de emprego público

Cultura e Educación solicitará a Madrid unha maior taxa de reposicion para garantir novas prazas en infantil, primaria e secundaria, e repescar as de 2012

Na Conferencia Sectorial de Educación en Madrid, a maioría das Comunidades Autónomas converxeron na idea de agardar ata 2013 para convocar oposicións

Mar, 31/01/2012 - 19:15

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe aos sindicatos do ensino a proposta de aprazamento da convocatoria da oferta de emprego público docente. A consellería considera que, ao ter que aplicar a actual taxa de reposición, o número de prazas a convocar neste ano sería extremadamente baixo, polo que a operación xeraría frustración entre os opositores que concorreran e sería moi costosa e ineficiente. Sobre todo tendo en conta que Galicia, xunto con Castela-León é a comunidade Autónoma que, cun 5% rexistra a taxa de interinidade máis baixa do Estado.

Nese sentido, a consellería ten previsto consolidar e agregar as prazas deste ano –que non se perden- ás do 2013, previa reclamación ao novo goberno dunha taxa de reposición máis alta o vindeiro ano, que permita convocar un maior número de prazas para infantil, primaria e secundaria.

Na mesa sectorial celebrada na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, trasladou aos representantes sindicais o resultado da xuntanza mantida en Madrid entre os titulares dos departamentos educativos das diferentes Comunidades Autónomas, na que se converxeu de forma maioritaria na idea de agardar ata 2013 para convocar novas prazas.

Así, o representante da Consellería explicou aos sindicatos que na Conferencia sectorial houbo unha converxencia maioritaria das Comunidades Autónomas para aplicar a taxa de reposición do ano 2012 á oferta de emprego público docente do 2013. Desta forma sumaríanse as prazas que correspondería convocar en cada un destes dous anos nunha única convocatoria no 2013. Ademais, deste xeito evitarase –co conseguinte aforro- realizar o esforzo loxístico que implica unha convocatoria á que adoitan concorrer miles de aspirantes. Polo demais, e con independencia das xubilacións que se produzan, a consellería contratará, como vén sendo habitual, o número de profesores interinos que se precisen para garantir un ensino público de calidade.

Por outra banda, Pinal Rodríguez trasladoulles aos sindicatos a intención do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte de estudar a mellora do proceso de selección do profesorado, así como da formación do mesmo.

O aprazamento da convocatoria de prazas, explicou, serviría así como punto de inflexión para revisar o sistema que se está a empregar para seleccionar aos docentes, “co obxectivo de acadar un proceso en consonancia coa calidade educativa que se está a procurar”, explicou Pinal. Ligado a este proceso, está prevista unha reflexión sobre a formación dos docentes, co fin de que estes acaden o máximo nivel, “como base fundamental para acadar a excelencia no noso sistema de ensino”, engadiu.

Na sesión de hoxe constituíuse a Mesa Sectorial Docente non Universitaria, tras as eleccións sindicais.