Un total de 125 anpas reciben as axudas da Xunta para a xestión dos comedores escolares

Beneficiaranse do incremento do 30% na achega por cada menú introducida pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ante a inflación

O orzamento total da convocatoria ascende a 1,2M€, o que supón duplicar o importe que se destinaba a esta liña de axudas antes da pandemia

Mar, 24/01/2023 - 12:24
c

Un total de 125 asociacións de nais e pais de centros públicos recibirán as axudas da Xunta de Galicia para cofinanciar os servizos de comedor escolar xestionados por estas entidades, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia. Todas elas beneficiaranse do incremento do 30% na achega por cada menú introducida pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ante a inflación. Deste xeito, en función do número de usuarios do comedor, a subvención por menús oscilará entre os 55 e os 65 céntimos ao día. Na convocatoria anterior a achega máxima do Goberno galego era de 50 céntimos por menú ao día.

O orzamento total da convocatoria ascende a 1,2M€, co que se mantén a contía do anterior curso, no que a Xunta reforzou a convocatoria cunha partida específica para axudar ás anpas a sufragar gastos relacionados coa covid-19 e que agora poderán destinarse a outros fins. Isto supón duplicar o importe que se destinaba a esta liña de axudas antes da pandemia, en concreto 553.000 para o curso 2019/20. O incremento na achega por cada menú ten como finalidade frear o impacto que a inflación desbocada está a ter na prestación do servizo por parte das anpas.

O importe das axudas irá destinado a sufragar os gastos de xestión do servizo de comedor escolar que abranguen o custo diario do menú de mediodía por comensal, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do servizo, os gastos de mantemento, persoal e limpeza, así como os de enxoval, materiais e utensilios para a prestación do servizo.

Aforro ás familias

Esta liña de actuación enmárcase nas distintas medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para aforrarlle este curso ás familias 107M€ e que chegan tamén a outros ámbitos como as taxas universitarias.

Estas axudas súmanse ao incremento do orzamento para os comedores que xestiona a Xunta de Galicia, un total de 417, que concentran a maior parte dos usuarios, máis de 62.000 prazas. Neles, o 80% dos usuarios ten o servizo gratis ou pagando só un euro, importes que non se incrementaron nos últimos anos. Deste xeito, o incremento dos prezos non repercute nas familias.