Anxo Lorenzo inaugura na ESAD unha mostra fotográfica que convida a explorar a cultura da República da China

O secretario xeral de Cultura asistiu ao acto de apertura da mostra “100 anos da República da China (Taiwan)”, que se poderá visitar ata o 22 de febreiro

As 40 fotografías e seis documentais que se expoñen amosan os cambios que experimentou Taiwán no último século, así como aspectos da súa cultura e das artes escénicas

Mar, 31/01/2012 - 16:35

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria á inauguración da mostra 100 anos da República da China (Taiwan), que se presentou esta mañá na Escola Superior de Arte Dramático de Vigo (ESAD).

Coincidindo coa celebración do centenario da República da China, a exposición amosa os cambios que experimentou Taiwan durante os últimos 100 anos e aspectos da súa cultura. Por iso, o secretario xeral afirmou durante a súa intervención que “as fotografías e documentos da mostra constitúen unha boa oportunidade para aproximarnos á rica tradición cultural de Oriente”.

O secretario xeral tamén precisou que “as actuais dinámicas culturais esixen entendemento entre pobos e culturas diversas”. “Isto significa –precisou– compartir, aceptar e ofrecer; poñer a disposición de todos e todas a nosa riqueza intelectual e sensitiva, esa riqueza que desperta novas formas de ver a realidade e permite enriquecer o futuro”.

Finalmente, fixo referencia ao feito de que “un centro pioneiro na formación da arte dramática galega como a ESAD” se presenta como un escenario perfecto para albergar e difundir entre a sociedade esta mostra que nos convida a explorar aspectos da cultura e, en concreto, das artes escénicas, de Taiwán.

A mostra

Durante a inauguración da mostra, Anxo Lorenzo estivo acompañado polo representante da Oficina Económica e Cultural de Taiwan en España, Javier Ching-shan Hou; polo director da ESAD, Manuel Fernández Vieites; pola delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch; e polo xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez. Todos eles tiveron ocasión de visitar a exposición, composta por 40 imaxes en branco e negro e cor, así como seis documentais que se proxectarán os luns e mércores entre as cinco e as oito da tarde.

Previamente ao acto de inauguración, o secretario xeral de Cultura visitou a Biblioteca Nodal de Vigo, dependente da Consellería de Cultura e Educación, co obxectivo de coñecer os proxectos que se está a promover desde a entidade. Ademais, pola mañá mantivo un encontro co alcalde de Baiona, Jesús Váquez Almuiña, para valorar posibilidades de colaboración da Xunta de Galicia en proxectos culturais do municipio. Anxo Lorenzo tamén tivo ocasión de visitar co alcalde o Museo da Navegación do concello pontevedrés. 

Menús News node R

Tema