O conselleiro de Cultura e Educación destaca a figura de Asorey como símbolo recoñecido de unión entre os galegos

Xesús Vázquez Abad presidiu a homenaxe da Real Academia de Belas Artes ao escultor cambadés

Sáb, 28/01/2012 - 13:30
Xesús Vázquez Abad presidiu a homenaxe da Real Academia de Belas Artes ao escult
Xesús Vázquez Abad presidiu a homenaxe da Real Academia de Belas Artes ao escultor cambadés

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe a primeira sesión plenaria do 2012 da Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, que se celebrou en Cambados como homenaxe ao escultor Francisco Asorey González, nado nesta localidade pontevedresa. Neste acto, que se desenvolveu no Auditorio Municipal da Xuventude co gallo do quincuaxésimo aniversario do pasamento do escultor, o conselleiro salientou  a figura de Asorey como “símbolo recoñecido de unión entre os galegos. Recoñecido porque as súas esculturas monumentais en pedra, están na retina dos galegos e forman parte da nosa identidade estética colectiva”, engadiu.  Neste sentido fixo referencia ás súas “homenaxes monumentais feitas pedra”, tales como o monumento a San Francisco en Santiago de Compostela, o Anxo dos Caídos do Parque de San Lázaro en Ourense, “e outras ducias espalladas por toda a Galicia territorial e pola de alén mar”.

Vázquez Abad sinalou ao artista cambadés como “o creador da identidade plástica moderna a través da expresión escultórica e da valoración dos tipos populares”. “Asorey foi o escultor da Xeración Nós, o escultor do Seminario de Estudos Galegos, o escultor e mestre da asunción da dignidade colectiva”, salientou.

Lembranza do artista

Xunto con Vázquez Abad, lembraron hoxe a figura do ilustre cambadés o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o alcalde do municipio, Luis Aragunde Aragunde, a presidenta da Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, María de las Mercedes Goicoa Fernández, e o vicepresidente desta mesma institución, José López Calo. O acto completouse cunha conferencia do académico Miguel Fernández-Cid.

Así mesmo, o conselleiro participou esta mañá na ofrenda floral ao monumento realizado por Asorey e dedicado a Ramón Cabanillas no Paseo da Calzada de Cambados.

Cómpre lembrar que esta localidade pontevedresa acolleu no 2011 diferentes actividades de homenaxe a Asorey impulsadas pola Consellería de Cultura, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Cambados entre as que destaca a exposición no Pazo de Torrado baixo o comisariado do académico Miguel Fernández-Cid, encargado hoxe da conferencia impartida na sesión plenaria; así como o descubrimento dunha escultura do artista e concertos e recitais que enxalzaron a súa figura.