A Cidade da Cultura impulsa un Encontro Internacional onde empresarios e creadores analizarán novas formas de financiamento

O I Encontro Internacional Economía e Cultura abordará diversas vías de obtención de recursos para proxectos culturais, como son as novas tecnoloxías, o crowdfunding, o microfinanciamento ou o financiamento en masa

A cita contará con la participación de institucións como a Royal Academy of Arts, especializada en patrocinio, a firma Cuatrecases, con ampla experiencia en mecenado, ou a fundación Dóna Gustet, que organiza o Festival Crowdfunding

O encontro, que terá lugar o 16 e 17 de febreiro, dispón de 75 prazas. A inscrición pode facerse a través da web www.cidadedacultura.org

Sáb, 28/01/2012 - 11:05
O encontro, que terá lugar o 16 e 17 de febreiro, dispón de 75 prazas. A inscric
O encontro, que terá lugar o 16 e 17 de febreiro, dispón de 75 prazas. A inscrición pode facerse a través da web www.cidadedacultura.org

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, impulsa o 16 e 17 de febreiro na Cidade da Cultura o I Encontro Internacional de Economía e Cultura, onde empresarios, artistas e creadores reuniranse co fin de explorar novas vías de financiamento para pór en marcha proxectos artísticos ou culturais.

Este Encontro Internacional de Economía e Cultura abordará innovadoras fórmulas dentro do mundo do patrocinio, o novo escenario que anuncia a futura Lei do Mecenado ou vías de obtención de recursos apoiadas nas novas tecnoloxías, como o crowdfunding. Asemade, tamén se presentarán “casos de éxito” de Galicia, do resto de España e doutros países (Brasil, Suecia, Reino Unido, etc.).

A fundación catalá Dóna Gustet será a encargada de expoñer as posibilidades do microfinanciamento ou financiamento en masa, a través da experiencia do Festival Crowdfunding, que se organiza en Madrid e Barcelona. No caso do mecenado, a coñecida firma de avogados Cuatrecasas explicará cal é o escenario económico e xurídico en España, e a situación doutros países, como Brasil, onde esta fórmula está máis consolidada.

Neste foro analizaranse ademais as posibilidades do patrocinio. Para elo contarase coa participación, entre outros, da Royal Academy of Arts, institución que aportará a súa experiencia na obtención de fondos a cambio de beneficios para os seus patrocinadores, como o uso de espazos, descontos nas actividades culturais, presenza en medios e beneficios fiscais. Destacadas firmas galegas estarán tamén presentes, como Estrella Galicia ou Gadisa.

Economía creativa

Máis alá do financiamento, o Encontro Internacional Economía e Cultura abordará a colaboración entre empresa e cultura dende outras perspectivas do que se ten bautizado como economía creativa: unión dos mundos da empresa, da cultura, das novas tecnoloxías, a innovación, a creatividade ou o emprendemento. Deste xeito, conceptos como o coworking ou as redes sociais de ideas estarán incluídos na programación.

Durante os días 16 e 17 de febreiro, a Cidade da Cultura brindará tamén a oportunidade a emprendedores culturais en busca de socios ou patrocinadores para que expoñan os seus proxectos neste foro. Ademais, está previsto tamén unha sesión de Pecha Kucha, presentacións rápidas e breves de casos de éxito.

A inscrición no Encontro Internacional Economía e Cultura está limitada a 75 prazas e ten un prezo de 70 euros. Para apuntarse só é preciso entrar en www.cidadedacultura.org. Do mesmo xeito, os participantes que estean interesados en buscar socios para levar a cabo un proxecto novidoso poderán enviar a súa iniciativa a esta web.