Valentín García incide na conexión cultural e lingüística entre Galicia e o Brasil no acto literario ‘Neira Vilas e Rachel de Queiroz: dúas figuras universais’
O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación participou hoxe neste acto, organizado polo Concello de Melide
Neste marco presentouse o ensaio de literatura comparada ‘Xosé Neira Vilas e Rachel de Queiroz, fabuladores artífices’
O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, participou hoxe á tardiña no acto literario ‘Neira Vilas e Rachel de Queiroz: dúas figuras universais’, organizado polo Concello de Melide. Valentín García salientou na súa intervención “a importancia de poñer en valor a conexión lingüística, cultural e literaria entre Galicia e O Brasil, a través de autores tan recoñecidos como son Xosé Neira Vilas ou Rachel de Queiroz”. Así mesmo apostou por “potenciar e de impulsar a promoción das linguas propias que vehiculan o sistema literario galego e brasileiro no marco do fomento do plurilingüismo”.
O acto tivo lugar na sala de conferencias do Edificio Multiúsos e nel participaron, ademais de Valentín García, o escritor Xosé Neira Vilas; a profesora da Universidade brasileira Estadual do Ceará, Cleudene de Oliveira Aragao; a alcaldesa do Concello de Melide, Ángeles Vázquez e a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, María Dolores Gómez.
Neste marco presentouse o ensaio de literatura comparada ‘Xosé Neira Vilas e Rachel de Queiroz, fabuladores artífices’, da man da súa autora, Cleudene de Oliveira Aragao, profesora da Universidade Estadual de Ceará, no Brasil.