A Xefatura Territorial de Cultura e Educación executará reformas para solucionar os problemas de potabilidade da auga detectados en dous colexios vigueses

As obras de mantemento realizadas polo Concello nos CEIP Josefa Alonso e CEP Santa Tegra aceleraron o envellecemento das tubaxes

Ven, 27/01/2012 - 14:41

A Xefatura Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a traballar nas posibles solucións aos problemas de potabilidade da auga detectados nos CEIP Josefa Alonso e no CEP Santa Tegra, ambos da cidade de olívica.

Así o explicou esta mañá o xefe territorial, César Pérez Ares, que anunciou que no Plan de Melloras Educativas hai unha partida para destinar a reformas nestes colexios, co fin de que os membros da comunidade educativa poidan utilizar a auga das billas con total garantía de potabilidade.

Pérez Ares explicou ademais que as obras de mantemento feitas polo Concello de Vigo nos últimos anos, nas que se empregou cobre, foron as responsables de acelerar o envellecemento das tubaxes de ambos os centros educativos. “A situación na que agora nos atopamos débese a unha conservación ineficiente por parte do Concello, a quen lle competen estes traballos”, dixo.

O xefe territorial salientou ademais o compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia con estes centros educativos. “Desde o primeiro desprazáronse ata os colexios membros da Unidade Técnica da Xefatura Territorial, co fin de analizar a situación e darlle unha pronta solución”. “Unha vez asignada a partida orzamentaria correspondente, as reformas executaranse coa maior dilixencia posible”.

Menús News node R