A Xunta adapta o decreto de selección de directores de centros educativos á nova lei educativa

Mantense o requisito de que os aspirantes deberán ter superado de xeito previo un curso sobre formación na función directiva, algo que a LOMLOE fixo opcional

Múdase a composición da comisión de selección das direccións dos centros

Promoverase o éxito escolar de todo o alumnado desde os proxectos de dirección das persoas candidatas

Mér, 11/01/2023 - 17:49
r

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos, un texto que vén actualizar o vixente, adaptándoo aos cambios introducidos pola nova lei educativa, LOMLOE. Neste sentido, os dous cambios máis significativos son o mantemento do requisito de ter superado un curso sobre competencias para o desenvolvemento da función directiva e o cambio na composición da comisión de selección das direccións dos centros.

No referido ao curso de formación, inclúese o requisito para os aspirantes de posuír, de xeito previo á presentación da candidatura, a certificación acreditativa de ter superado un curso de formación sobre competencias para o desenvolvemento da función directiva impartido pola Consellería de Educación, o Ministerio de Educación ou polas administracións educativas das restantes comunidades autónomas, con validez en todo o territorio nacional. Cabe sinalar que esta formación previa xa se viña pedindo en Galicia e opta por manterse o requisito, malia que a LOMLOE o considera opcional. Estarán exentas deste requisito as persoas que acrediten unha experiencia de polo menos catro anos no exercicio da dirección de centros docentes públicos con avaliación positiva do seu traballo.

No que atinxe á composición da comisión de selección da dirección dos centros, a establecida no decreto axústase á legalidade vixente polo tanto, estará composta maioritariamente por representantes do centro educativo, é dicir, do Claustro e do Consello Escolar.

Promoción do éxito escolar

O decreto inclúe tamén outras novidades, como a actualización dos termos do proxecto de dirección que deben presentar os interesados en ocupar este postos. A partir de agora, deberán estar orientados a lograr o éxito escolar de todo o alumnado e incluír, entre outros, contidos en materia de igualdade entre mulleres e homes, non discriminación e prevención da violencia de xénero.

Así mesmo, o novo texto normativo abre a posibilidade de que persoas en situación de servizos especiais, excedencia por coidado de familiares ou en excedencia voluntaria, sempre que se estivese nunha destas situacións por resolución da consellería competente en materia de educación da Xunta de Galicia, poidan presentar a súa candidatura á dirección dun centro.

Cómpre lembrar que as direccións dos centros educativos son escollidas por concurso de méritos entre persoal docente funcionario de carreira convocado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade. En termos xerais, o período de mandato é de catro anos, renovable, por períodos de igual duración, ata un máximo de tres mandatos.