A Consellería de Cultura e Educación participa nas II Xornadas técnicas ‘Calidade e medio ambiente’, no CIFP A Farixa

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, impartiu o relatorio ‘’A nova FP e a empresa’

O encontro celébrase desde o luns no centro ourensán

Mér, 25/01/2012 - 20:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participou nas II Xornadas Técnicas ‘Calidade e Medio Ambiente. Estratexias do Desenvolvemento no sector da Construción’, que se celebran desde o luns 23 no Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa, en Ourense. O da Farixa é un dos dous CIFP – xunto ao Portovello – que a Consellería de Cultura e educación ten na cidade de Ourense.

En representación do departamento educativo da Xunta de Galicia, o director xeral de Educación , Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, impartiu un relatorio no que afondou nas relacións entre a Formación Profesional e a Empresa, de especial importancia para o crecemento dos sectores produtivos galegos e para a empregabilidade do alumnado destas ensinanzas. Con este relatorio pechouse a segunda edición das xornadas organizadas polo CIFP ourensán, nas que participaron diferentes expertos do sector.

O encontro inaugurouse o luns coa presentación de Justo De Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A continuación Florencio Gómez Mora, en representación de AENOR, impartiu un relatorio sobre o funcionamento do proceso de certificación, no marco da normativa da ISO 9.001 e ISO 14.000. A primeira xornada pechouse co relatorio dun representante de Consultoría Estratégica S.L., Ulises Sobral Pujades. Tamén no relativo á calidade, a directora do servizo de Calidade e Medio Ambiente COPASA, María Jesús Fernández González, impartiu o martes o relatorio ‘Evolución e adaptación da calidade no sector da construción’.

Respecto da preservación do medio ambiente, Míriam Moure Vázquez, colaboradora da empresa Cerámica Xunqueira, abordou a xestión de residuos non perigosos derivados da construción e demolición. Así mesmo analizouse a nova Normativa para a recollida e tratamento de residuos, nun relatorio desenvolvido polo enxeñeiro xefe do servizo de Auga e Medio Ambiente da Deputación Provincial de Ourense, Javier Bobe Vázquez.