Agadic e Xacobeo impulsan o programa “Danza 3” protagonizado por Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina

Juan Carlos F. Fasero, Camino Triguero e os representantes das tres agrupacións presentaron hoxe este programa de difusión do baile e música tradicionais.

As formacións ofrecerán tres representacións de cadanseu espectáculo, en formato gala e cunha coidada posta en escena.

O ciclo esténdese ata mediados de xullo para desenvolver un total de nove funcións noutras tantas localidades polas que discorre o Camiño de Santiago

Mér, 25/01/2012 - 13:35
Agadic e Xacobeo impulsan o programa “Danza 3” protagonizado por Cantigas e Agar
Agadic e Xacobeo impulsan o programa “Danza 3” protagonizado por Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove Danza 3, un programa de difusión do baile e a música tradicionais que presenta os novos espectáculos das agrupacións Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina. O ciclo desenvolve ata mediados do mes de xullo un total de nove funcións noutros tantos concellos galegos polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago, para o que se conta coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a implicación das concellerías de Cultura e outras entidades das localidades participantes.

O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, detallou hoxe os contidos desta programación, no marco da que cada formación ofrecerá un total de tres representacións de cadanseu espectáculo, en formato gala e cunhas postas de escena moi coidadas tanto a nivel escenográfico como estilístico. Acompañárono nesta presentación a directora-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, e os representantes das tres agrupacións (Amparo Pérez, de Cantigas e Agarimos; Javier Feijoo, de O Fiadeiro, e Belén Mato, de Xacarandaina), recoñecidas polo seu intenso traballo no ámbito da investigación, recuperación e promoción da música e a danza populares.

Calendario de actuacións

O calendario de actuacións deu comezo o pasado 30 de decembro en Xinzo de Limia, co espectáculo Lela, de Cantigas e Agarimos, que tamén poderá verse esta fin de semana na Estrada (28 de xaneiro) e en Palas de Rei (24 de marzo). Pola súa banda, O Fiadeiro presentará Esta noite hai unha fía en Tui (11 de febreiro), Arzúa (4 de marzo) e Padrón (22 de xullo), mentres que Xacarandaina levará o seu Galicien Amerika Linie a Vilalba (10 de marzo), Narón (14 de abril) e Melide (19 de maio).

Segundo explicou Fasero, o proxecto Danza 3 combina a recuperación e consideración do folclore galego como un conxunto de saberes de gran valor intrínseco –traballo de campo, compilación de material videográfico, edición de discos e monografías de base etnográfica, etc.– coa súa difusión pública a través de representacións que coidan cada un dos elementos do espectáculo (atrezzo, vestiario, deseño de iluminación, etc.), ao tempo que preservan a esencia do baile e a música populares.

Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina veñen colaborando desde hai unha década en distintas entregas de Danza 3, para as que contaron co apoio de diferentes administracións públicas. As tres entidades traballan, desde a súa fundación, coa música e o baile tradicionais como materias primas a partir das que construír experiencias visuais e sonoras para o público actual, contribuíndo deste xeito á divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial.

Os espectáculos   

Con sede en Santiago de Compostela, Cantigas e Agarimos propón en Lela unha nova ollada arredor de Os vellos non deben de namorarse, que o grupo de teatro desta agrupación levou a escena en 1961 na que foi a primeira representación en Galicia da emblemática obra de Castelao. No 50 aniversario desa estrea, o novo espectáculo de Cantigas e Agarimos fai unha homenaxe a todos os que participaron nese acontecemento teatral a través dun programa no que interveñen máis de setenta intérpretes, entre coro, corpo de baile e músicos. Baixo a coordinación de Javier Sanmartín, responsable tamén da dirección de baile, Ramón Maril encárgase da dirección instrumental; Alex Ínsua, da de pandeiretas, e Loli Santos, da de coro.

A formación de Vigo O Fiadeiro presenta en Danza3 unha nova versión de Esta noite hai unha fía, unha “gala de oficios e labores” ideada por Miguel Souto que poñen en escena 50 artistas. Os cantos propios dos oficios tradicionais exercidos en Galicia de xeito case artesanal ata ben entrado o século XX conforman o fío argumental desta montaxe de dúas horas de duración, que se desenvolve arredor de trece escenas. Cada unha delas comeza coa representación dun oficio ou labor por parte dos artistas que interpretan os cantos, seguidos de músicas e bailes correspondentes á mesma área xeográfica na que foron recollidos polos membros de O Fiadeiro dende a súa fundación, en 1996.

Estrea

Pola súa banda, Xacarandaina (A Coruña) estrea dentro do ciclo Danza 3 o espectáculo Galicien Amerika Linie, que xira arredor do fenómeno da emigración galega no contexto da historia contemporánea. Baixo a dirección de Henrique Peón, a proposta mestura a arte tradicional coas novas tecnoloxías, de xeito que os 40 integrantes do grupo actúan no marco dun innovador espazo sonoro e audiovisual construído a partir de imaxes, vídeos e rexistros sonoros procedentes dos arquivos do Consello da Cultura Galega, do Centro Galego de Artes da Imaxe e da propia agrupación.

Máis información e axenda: www.agadic.info/Axenda, www.cantigaseagarimos.es,

www.ofiadeiro.com e www.xacarandaina.com

Menús News node R

Tema