A Cidade da Cultura convida os visitantes a se converter nos primeiros artistas en expoñer unha obra no museo de Galicia

Faino a través do proxecto Fluxograma, de Anna Carreras e Ramón Illobre

O público poderá realizar unha creación nas estacións de debuxo virtual instaladas no novo edificio e proxectala nas paredes do Museo

O secretario xeral de Cultura presentou esta mañá a iniciativa, que se enmarca na exposición Inside

Desde hoxe, pode visitarse o Museo sen previa reserva, e antes da súa inauguración, para descubrir a beleza dun referente arquitectónico do século XXI

Ven, 20/01/2012 - 17:25
O secretario xeral de Cultura presentou esta mañá a iniciativa, que se enmarca
O secretario xeral de Cultura presentou esta mañá a iniciativa, que se enmarca na exposición Inside

A Cidade da Cultura de Galicia convida os visitantes do Museo de Galicia a converterse nos primeiros artistas en expoñer as súas obras neste novo edificio. Faino a través do proxecto Fluxograma, unha nova proposta artística que foi presentada esta mañá polos seus creadores, Anna Carreras e Ramón Illobre, acompañados polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e o director de Acción Cultural, Ignacio Santos.

No acto tamén estivo presente o  comisario de Inside, Rafael Doctor, xa que Fluxograma vén completar as intervencións desta exposición que desde o 16 de decembro e ata o 16 de abril se poden visitar en diferentes espazos interiores e exteriores do complexo do Gaiás.

Formada por tres estacións de debuxo táctil, Fluxograma permítelle ao visitante xerar a súa propia obra tomando os seus dedos como pincel. En cada pantalla, un número simbólico de partículas –tantas coma habitantes da comunidade galega– funcionará a modo de “pintura virtual” que o “artista” deberá converter en trazos ata conformar o deseño final. Unha vez rematado, o autor poderá velo proxectado no gran lenzo en branco que é a parede do Museo de Galicia, ao que a partir de hoxe se poderá acceder de forma libre e sen previa reserva na web de martes a domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, ao igual que aos outros dous edificios xa en funcionamento: a Biblioteca e o Arquivo de Galicia.

Un referente arquitectónico

Segundo explicou Anxo Lorenzo, en Fluxograma conflúen varios eixes da programación cultural da Cidade da Cultura, entre os que destacou “o compromiso coa arte contemporánea, o traballo común entre creadores galegos e creadores doutras procedencias, así como a aposta pola participación do público”, co obxectivo de traballar por unha cidadanía máis creativa.

Os visitantes que se acheguen á Cidade da Cultura, ao tempo que realizan a súa creación, poderán descubrir no Museo un edificio de referencia da arquitectura do século XXI. Ao fío disto, o secretario xeral afirmou que a razón destas visitas é “converter o propio edificio no obxecto da súa primeira exposición”, como se ten feito noutros grandes centros europeos, como o Neues Museum de Berlín.

Inauguración do Museo

A posta en marcha do Museo de Galicia terá lugar en xuño coa inauguración da súa primeira exposición: Gallaecia Petrea. Ata ese momento, a Cidade da Cultura convida o público a descubrir a beleza dun edificio considerado unha referencia da arquitectura do século XXI. Durante estas visitas, proxectos artísticos como o de Fluxograma, ademais doutras actividades culturais que se irán presentando proximamente, completarán e enriquecerán a experiencia dos visitantes.

Movemento Fluxus

A idea da intervención Fluxograma parte do seu propio significado: a representación gráfica dun algoritmo ou proceso. Mais Fluxograma alude tamén a Fluxus, un movemento artístico de especial desenvolvemento en manifestacións plásticas, literarias e musicais e que tivo o seu momento máis activo entre as décadas dos sesenta e os setenta. O movemento Fluxus declarouse contra o obxecto artístico tradicional de mercadoría e pretendía facer un uso distinto dos canais oficiais da arte que consideran un impedimento para a liberdade creativa.

Foi o artista lituano Georges Marciunas quen empregou por primeira vez este termo latino que significa fluír, deixar correr, destacando o aspecto efluente dunhas obras que nacen e morren practicamente no mesmo lugar e momento no que se crean, dando como resultado unha actuación interactiva na que a participación do espectador é fundamental.

Exposición Inside

Comisariados por Rafael Doctor Roncero, os artistas convidados a participar en Inside son Marlon de Azambuja, Elena Fernández Prada, Alicia Martín, Pamen Pereira, Jorge Peiranes, Damián Ucieda, Anna Carreras e Ramón Illobre aos que hai que sumarlle Container Inside, a obra colectiva resultante do I Encontro de Artistas Novos celebrado neste mes de setembro na Cidade da Cultura, onde cen mozos creadores puideron compartir e debater sobre o posicionamento actual do artista e o devir da produción artística contemporánea.

Fluxograma, de Anna Carreras e Ramón Illobre, é a última das intervencións de Inside, que conta tamén con Operacións, unha alfombra de grandes dimensións confeccionada polo brasileiro Marlon de Azambuja; Vivenda Rural II, na que Elena Fernández Prada converte as columnas da Biblioteca de Galicia nunha  aldea galega a través das acumulacións verticais de vivendas rurais feitas en acuarela; ou Singularidade, un remuíño de lectura conformado por máis de 7.000 libros co que Alicia Martín convida a reflexionar sobre o exceso de información que se vive na sociedade actual.

Pamen Pereira intervén sobre as Torres Hejduk cun xardín botánico a través do Invernadoiro da temperanza, mentres que a interacción en imaxes entre a cidade da Santiago e a que se erixe no cumio do Gaiás é a protagonista de Accident, Fight #1, Farewell, do galego Damián Ucieda, e a pedra centra a intervención de Jorge Perianes. Anexo á Biblioteca de Galicia, os cen creadores do I Encontro de Artistas Novos “Cidade da Cultura” contará co seu propio espazo a través do Container Inside, estrutura modular convertida en sala de exposición, biblioteca e centro de documentación co material editado por todos os participantes.

Menús News node R

Tema