O conselleiro de Cultura e Educación comproba o funcionamento da nova aula dixital do CEIP Albeiros

O equipamento informático instalouse este centro no marco do convenio asinado entre a Xunta de Galicia e Red.es

Xesús Vázquez Abad compartiu parte da mañá coa comunidade escolar deste colexio lucense

Co investimento previsto para este ano serán máis de 46.750 euros os destinados no que vai de lexislatura a obras de mellora deste colexio

Ven, 20/01/2012 - 14:20

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe o funcionamento do kit de aula dixital instalado por primeira vez este curso no CEIP Albeiros, da cidade de Lugo, no que estudan 209 alumnas e alumnos. Co gallo da súa visita, o conselleiro tivo a oportunidade de compartir parte da mañá coa comunidade escolar deste centro, nun encontro no que estivo acompañado polo director do colexio, Manuel Fernández Sarceda; a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; e o xefe territorial de Educación na provincia, José Jesús Ramos Ledo.

Vázquez Abad salientou a vantaxe que supón que o alumnado de educación primaria teña a oportunidade de entrar en contacto coas novas tecnoloxías no eido educativo desde unha idade temperá. Neste sentido destacou a importancia do acordo subscrito entre a Consellería de Educación, a Secretaría Xeral de Modernización e a entidade Red.es - dependente do Ministerio de Industria-, ao abeiro do cal se repartiron este curso  xa 626 kits en centros educativos galegos. Ademais está previsto repartir en próximas datas 156 kits máis.

“Trátase -dixo- dun kit de aula dixital, que xa está en funcionamento neste colexio, e que está composto por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e un proxector”. Ademais, tal e como sinalou Vázquez Abad, desde 2011 o centro conta con velocidade conexión á internet de 100 Megabites por segundo, grazas ás melloras realizadas na conectividade de colexios e institutos públicos galegos por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

Melloras no centro

No seu percorrido polo centro, Vázquez Abad reafirmou o compromiso do departamento que dirixe co mantemento das instalacións do centro. “De feito – explicou- co investimento previsto para este ano serán máis de 46.750 euros os destinados no que vai de lexislatura a obras de mellora deste colexio”. O conselleiro coñeceu de primeira man o estado das instalacións tras as melloras xa realizadas pola Consellería, que supuxeron un investimento de 34.385 euros. Así, fixéronse melloras na caldeira de calefacción, traballos de acondicionamento dunha aula e de habilitacións de aseos, e de reforma na cúpula translúcida. Para este ano están previstos traballos de pintura e acondicionamento de varios espazos do centro – aulas, aseo, lucernario, entre outros-, que suporán un investimento de 12.369 euros .

O conselleiro visitou tamén a biblioteca escolar, á que a Consellería leva destinado 4.500 euros, co obxectivo de que se poidan mellorar os seus fondos e instalacións. “Deste xeito - puntualizou o conselleiro- a Consellería contribúe ao fomento do hábito lector entre os máis novos, no marco do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para Lectura, a Información e a Aprendizaxe.