Publicadas as listaxes de persoas seleccionadas para o monográfico de inglés audiovisual organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consorcio Audiovisual de Galicia

O curso comezará o vindeiro 24 de xaneiro en Santiago de Compostela

Ven, 20/01/2012 - 13:10
Publicadas as listaxes de persoas seleccionadas para o monográfico de inglés aud
Publicadas as listaxes de persoas seleccionadas para o monográfico de inglés audiovisual organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consorcio Audiovisual de Galicia

O Consorcio Audiovisual de Galicia, a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, veñen convocando monográficos de inglés audiovisual nos últimos anos que teñen lugar nas Escolas Oficiais de Idiomas da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo.

Nesta edición o curso terá unha duración de 50 horas lectivas, será impartido polo profesorado da EOI de Santiago de Compostela na aula CeMIT do Centro Multimedia de Galicia (R/ Hórreo 61, 2º, Santiago de Compostela). Comezará o día 24 de xaneiro e terá lugar os martes e xoves de 20:00 a 22:00 h, para posibilitar a compatibilidade horaria co traballo dos profesionais.

Estes cursos están dirixidos principalmente aos profesionais do sector audiovisual, así como a estudantes (preferiblemente cun nivel lingüístico Intermedio ou superior dunha escola oficial de idiomas) que estean familiarizados coa lingua inglesa, e que desexen potenciar e ampliar as súas destrezas comunicativas sobre todo no ámbito da industria dos medios audiovisuais.

Participarán un total de 24 alumnos e alumnas, aínda que se recibiron máis de 40 solicitudes. Entre as persoas inscritas hai perfís diversos, como actores, guionistas, produtores, operadores de cámara, xornalistas, profesionais da animación e os videoxogos, etc.   

O alumnado tivo que superar unha proba de selección que consistiu nunhaentrevista persoal, para avaliar o nivel do idioma, co obxectivo de formar grupos de alumnos co nivel máis homoxéneo posible.

O Consorcio e a Consellería están a traballar para continuar e mellorar a oferta formativa para as vindeiras edicións, incorporando os monográficos a máis escolas para chegar aos profesionais de todo o territorio galego.

Obxectivos

O obxectivo é que o alumnado adquira ou mellore o seu nivel de competencia na expresión e comprensión de certos aspectos específicos da lingua obxecto de estudo, tanto na súa forma falada como escrita, que lle permita desenvolverse en situacións coas que se poida atopar no seu ámbito profesional específico, proporcionándolle a información sobre as características fonéticas, as estruturas e normas de interacción comunicativa que poidan ter influencia nas situacións laborais e sociais máis frecuentes coas que se van enfrontar.

Estas actividades xorden da necesidade de especialización dos profesionais, que teñen que atender á demanda dun mercado audiovisual de marcado carácter transnacional e de contar coa presenza das empresas e produtoras galegas nos foros internacionais máis prestixiosos, así como pola presenza dos nosos profesionais en coproducións internacionais, nas que a lingua de comunicación é o inglés.

Bolsas de formación

O Consorcio Audiovisual de Galicia subvencionará en concepto de bolsa de formación o 50% do custo das taxas de matrícula por monográfico.

Manual de inglés audiovisual

O profesorado das EOI da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo, en coordinación co Consorcio, está traballando na edición conxunta dun manual de inglés audiovisual que se entregará ao alumnado das próximas edicións e que se publicará en PDF nas páxinas web da Consellería e do Consorcio como un recurso educativo de interese para os profesionais do sector audiovisual, tradutores, filólogos, profesores e outros colectivos interesados.

Máis información

Consorcio Audiovisual de Galicia www.consorcioaudiovisualdegalicia.org

Correo-e: formacion@consorcioaudiovisualdegalicia.org

EOI de Santiago de Compostela www.eoisantiago.org

E-mail: eoi.santiago@edu.xunta.es

Menús News node R

Colectivo

Tema