Cultura e Educación lanza un novo espazo web de atención á diversidade e á orientación nos centros educativos galegos

O portal ofrece diferentes tipos de orientación e unha mostra de recursos, publicacións e ligazóns que contribuirán á atención á diversidade e á orientación
Deste xeito dáse continuidade ao labor iniciado polo Decreto de Atención á Diversidade, na procura de que cada alumna e alumno obteña o máximo desenvolvemento das súas capacidades
Xov, 19/01/2012 - 17:44
Cultura e Educación lanza un novo espazo web de atención á diversidade e á orien
Cultura e Educación lanza un novo espazo web de atención á diversidade e á orientación nos centros educativos galegos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrece dende hoxe un novo espazo web dedicado á atención á diversidade e á orientación, que vai a estar dirixido pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Deste xeito dáse continuidade ao labor iniciado polo Decreto de Atención á Diversidade, aprobado o pasado mes de decembro, que dá cumprimento ao compromiso da Consellería de buscar a maior calidade no sistema educativo galego, na procura de que cada alumna e alumno obteña o máximo desenvolvemento das súas capacidades.

O novo portal web /portal/diversidadeorientacion ofrece de xeito concentrado diferentes tipos de orientación e unha mostra de recursos, publicacións e ligazóns de interese que contribuirán á atención á diversidade e á orientación, promovendo o desenrolo dunha educación equitativa e de calidade.

Este sitio temático pretende ser un espazo no que se engloben dous ámbitos de traballo fundamentais nos nosos centros educativos como son a atención á diversidade e a orientación que, aínda sendo diferentes, teñen unha forte relación entre si. A nova plataforma está dirixida á totalidade da comunidade educativa co obxectivo de facilitar o acceso rápido e claro a unha gran cantidade de información. A través desta web crearase un espazo de colaboración, comunicación e aprendizaxe que se irá enriquecendo coas achegas de todos os axentes implicados na atención á diversidade e na orientación.

Atención á diversidade

No relativo á atención á diversidade poderemos encontrar recursos para o seguimento do alumnado con necesidade específica de apoio educativo, coas súas diferentes particularidades, como son: alumnado con necesidades educativas especiais, alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, alumnado con altas capacidades intelectuais, alumnado con incorporación tardía e alumnado con necesidades específicas de apoio educativo por condicións persoais, como as referidas ás minorías étnicas, ou de historia escolar.

Neste mesmo apartado tamén haberá información do conxunto dos servizos de apoio á atención á diversidade, onde se engloban os departamentos de orientación dos centros educativos, os equipos de orientación específicos provinciais e as diferentes organizacións e asociacións colaboradoras no campo da atención á diversidade.

Orientación

Polo que respecta ao ámbito da orientación, poderanse encontrar todas aquelas iniciativas e recursos destinados a promover a calidade educativa como son: o autocoñecemento, o control do proceso de aprendizaxe, o axuste das medidas educativas, o coñecemento e a toma de decisións na elección dos diferentes itinerarios formativos, a promoción da escolarización, as saídas educativas e profesionais ou a formación ao longo da vida, entre outros. Polo tanto, recolleranse recursos para poder traballar a acción titorial, a orientación educativa e a profesional, así como todo o referido aos diferentes servizos de apoio á orientación.