O conselleiro de Cultura e Educación asiste á inauguración da exposición antolóxica de Alfonso Sucasas, en Vigo

A mostra, composta de preto de sesenta cadros, poderase ver ata o 4 de marzo no centro Cultural Novacaixagalicia da cidade olívica

Xov, 19/01/2012 - 21:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta tarde á inauguración da exposición antolóxica de Alfonso Sucasas, no centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo.

Durante o acto o conselleiro de Cultura dirixiuse ao autor da mostra e dixo que “Alfonso Sucasas é un home valente. Apenas un rapaz marchou alén dos mares na busca do seu futuro. E alí, en terras venezolanas e brasileiras atopou a inspiración, un estilo propio, que xa estaba latente nel, pero que precisou do sol e a calor desas terras para facerse patente”. En referencia á exposición sinalou que “aquí temos os seus cadros, a súa obra, que fala por el, home de poucas palabras. Que fala a través del, provocando sentimentos diferentes en cada un de nós”, e engadiu que “a antoloxía que hoxe inauguramos reflicte a busca da esencia no inmediato e cotián. Debuxa a súa evolución desde os seus inicios, de claro contido sociopolítico ata chegar á representación do mundo a través dunha temática profundamente galega”.

En relación aos artistas galegos Vázquez Abas destacou que “non creo pecar de inmodestia se afirmo que Galicia é admirada, entre outras cousas, pola súa creatividade, pola condición activa da súa cultura, polo exquisito equilibrio entre a innovación e a tradición dos nosos creadores, entre os que Alfonso Sucasas ocupa un lugar privilexiado. Rendidos admiradores da súa obra -xenios á súa vez- como Cunqueiro ou Blanco-Amor recórdannos que Sucasas é un creador e artista excepcional, cunha labor continuada ao longo de toda unha vida, chea de rigor e profesionalidade, que supón unha achega excepcional ao mundo das artes plásticas”.

A mostra

A exposición que se poderá visitar ata o vindeiro 4 de marzo está composta por preto de sesenta cadros do autor, sendo o máis antigo un bodegón pintado cando tiña 17 anos. Xunto a esta obra tamén se poderán ver as pinturas Os veciños de xesta(1978), así como Retrato dunha moza e Xente de lonxe, pintados dous anos máis tardes onde xoga coa arbitrariedade das liñas que traza.

Tamén destaca o seu autoretrato e a imaxe bíblica Camiño do calvario (1987). Ademais as súas obras son un reflexo da vida diaria, como por exemplo Galicia no entroido, ou en situacións cotiás. Xunto a estas obras outras moitas que reflicten o traballo do pintor nacido preto de Cruces, en Lalín no 1940, e cunha longa e prolífica traxectoria as súas costas.

Esta recompilación da súa obra estará en Vigo durante os próximos tres meses, e posteriormente se trasladará á sede que a Fundación ten na praza de Cervantes, en Santiago de Compostela.

O autor

Con esta mostra Sucasas volve ao circuíto expositivo tras a que fora presentada na Deputación de Pontevedra na que se puideron ver 143 cadros pintado entre 1957 e 1999. Cómpre recordar que pertence ao núcleo de artistas de Lalín, xunto a Colmeiro, Laxeiro ou o científico Ramón María Aller. A súa obra aparece nos catálogos das principais coleccións de arte galego e ten fondos en coleccións como as de Novacaixagalicia, o Museo de Quiñones de León ou os fondos Ir Indo.