Orde do 27 de novembro de 2009 pola que se convocan bolsas de nova adxudicación para a realización de estudos oficiais nas universidades do sistema universitario de Galicia conducentes ao título de máster universitario

Ven, 27/11/2009 - 12:43

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, 50 bolsas de nova adxudicación para a realización de estudos oficiais conducentes ao título de máster universitario, coa finalidade de contribuír á especialización dos estudantes na súa formación académica, profesional ou investigadora.

A duración da bolsa é de 6 meses comprendidos entre xaneiro de 2010 e xuño de 2010.

A dotación da bolsa será de 600 euros mensuais.

Requisitos dos/as solicitantes:

  1. Ter rematado os estudos universitarios con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2007.
  2. Non ter cursado 32 créditos de doutoramento, nin estar en posesión do diploma de estudos avanzados (DEA) ou dun título de doutor/a.
  3. Non ter gozado de ningunha bolsa das concedidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a realización de estudos de terceiro ciclo ou de posgrao.d) No caso de estudantes estranxeiros non comunitarios, deberán ter a condición de residentes.
  4. Estar matriculado dun mínimo de 60 créditos, nun máster universitario de carácter presencial impartido nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña ou Vigo no curso 2009-2010.
  5. Posuír unha nota media simple no seu expediente académico igual ou superior a 2, calculada cos parámetros publicados por resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Univeristaria do 15 de marzo de 2005, DOG do 23 de marzo de 2005. No caso de alumnos de ensinanzas técnicas, a nota media simple deberá ser igual ou superior a 1,5.
  6. Estar en posesión dun título universitario oficial español ou doutro expedido por unha institución de educación superior do Espazo Europeo de Ensino Superior que facultan no país expendedor do título para o acceso a ensinanzas de máster. Así mesmo poderán acceder os titulados conforme a sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Ensino Superior sen necesidade da homologación dos seus títulos, logo de comprobación pola universidade de que os/as solicitantes acrediten un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e que facultan no país expendedor do título para o acceso a ensinanzas de posgrao.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fóra inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.