Galicia achega dous grupos e sete salas ao programa trimestral do circuíto “Artistas en Ruta” da AIE

A Agadic colabora coa iniciativa que a Sociedad de Artistas, Intérpretes o Ejecutantes desenvolve a nivel estatal co obxectivo de potenciar a música en directo

Víctor Coyote e Ulträqäns ofrecerán un total de nove concertos en Asturias, Castela e León, Cataluña, Estremadura, Euskadi, Madrid e Navarra.

Os locais galegos acollerán oito actuacións, que darán comezo o día 27 na Iguana de Vigo e se estenderán a Bueu, Carballo, O Grove, A Laracha e Lugo.

Mar, 17/01/2012 - 14:35
Galicia achega dous grupos e sete salas ao programa trimestral do circuíto “Arti
Galicia achega dous grupos e sete salas ao programa trimestral do circuíto “Artistas en Ruta” da AIE

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co programa Artistas en Ruta na promoción da presenza galega dentro deste circuíto, organizado pola AIE (Asociación de Artistas, Intérpretes o Ejecutantes) en máis de 60 salas de música en directo de toda España. Víctor Coyote, Ulträqäns e sete locais galegos forman parte da carteleira elaborada para o primeiro trimestre de 2012 no marco desta programación, que vén desenvolvéndose desde hai máis de 15 anos co obxectivo de potenciar a música ao vivo en estilos como o pop, rock, folk e jazz, entre outros.

O músico de Tui Víctor Coyote presentará en directo os temas do seu último traballo discográfico, Dos años luz y cuarto, en Lleida (10 de febreiro no Café Teatre), Tudela (2 de marzo en Locura de Ángel), Pamplona (3 de marzo en El Bafle) e Xixón (17 de marzo en Monkey Club), mentres que os Ulträqäns ofrecerán unha mostra do seu folk-punk en Vitoria (16 de febreiro en Ibu Hots), Mayorga (17 de febreiro no Bar Secretos), Madrid (16 de marzo en Jymmy Jazz), na localidade segoviana de Cabaña de Polendos (17 de marzo en La Oveja Negra) e Cáceres (18 de marzo en El Corral de las Cigüeñas).

Selección

Ambas bandas foron seleccionadas xunto con outros 16 grupos e solistas de toda España por unha comisión integrada por xornalistas especializados, ademais de por representantes da AIE e das entidades colaboradoras, despois dunha convocatoria aberta a todos os grupos interesados, tanto noveis como consagrados.

Neste primeiro ciclo de programación, os sete locais galegos participantes acollerán un total de oito concertos protagonizados por Supersweet, que actuará na Iguana de Vigo o 27 de xaneiro e no Pub D’Antón da Laracha o 28 do mesmo mes; Eric Fuentes, que estará o 3 de marzo na Reserva de Carballo; e Mastretta, que tocará en marzo no Clavicémbalo de Lugo (día 15), El Ensanche de Vigo (día 16), El Náutico do Grove (día 17) e Aturuxo de Bueu (día 18).

Estas salas forman parte da área xeográfica do norte peninsular, que se  completa con outros 15 espazos de Asturias, Cantabria, Castela e León e Euskadi. Existen, ademais, outras tres zonas que funcionan de xeito conxunto á hora de establecer o intercambio de artistas: Andalucía e Ceuta; Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana e Murcia; e Castela-A Mancha, Estremadura, Madrid, A Rioxa e Navarra.

Entre os obxectivos do circuíto están fomentar o intercambio cultural entre os diferentes artistas das comunidades autónomas, potenciar todos os estilos que se dan cita dentro da música popular, dar a coñecer os novos valores artísticos no eido da música, axudar á iniciativa privada e ao mercado musical en salas de pequena e mediana capacidade e, en definitiva, consolidar un circuíto localizado temporalmente no inverno que permita apoiar de xeito estable a maior variedade de propostas artísticas.