A Consellería de Cultura e Educación apoia a próxima visita de Víctor Laplace a Galicia de cara a súa próxima película Puerta de Hierro

O director arxentino buscará localizacións na Comunidade Autónoma, onde tamén realizará un casting

O filme tratará o exilio en España de Juan Domingo Perón

Lun, 16/01/2012 - 12:25

 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a viaxe que realizará o actor e director arxentino Víctor Laplace, para preparar a preprodución da súa próxima longametraxe Puerta de Hierro, que narra o exilio en España do xeneral Juan Domingo Perón.

O director estableceu contactos coa produtora galega Adivina Producións (que coproducira con Arxentina en 2007, El niño de barro) para que lle organice a localización de espazos en Galicia así como o casting para unha das actrices principais, polo que visitará Galicia na semana do 23 de xaneiro. A película ten previsto iniciar a rodaxe no mes de abril.

O contacto entre a produtora galega e a de Laplace, foi froito do encontro establecido o pasado mes de decembro no marco do mercado Ventana Sur, que tivo lugar en Bos Aires, dentro das actividades promovidas polo Consorcio Audiovisual de Galicia no evento, coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a través do convenio establecido entre as dúas institucións para a internacionalización do sector.

Ventana Sur é un mercado de recente creación, promovido polo INCAA (Instituto Nacional de Cine y Artes Audivisuales) de Arxentina en asociación coa organización responsable do Marché du Film de Cannes, o maior mercado audiovisual a nivel mundial. Neste foro danse cita un gran número de empresas produtoras de todos os países da área latinoamericana, xunto cuns 400 compradores e vendedores de produto audiovisual de todo o mundo.