O CGAC presenta novas visitas guiadas por profesionais do eido cultural á exposición de Jeff Wall

O Centro Galego de Arte Contemporánea organizará durante este mes de xaneiro e vindeiro mes de febreiro diferentes visitas guiadas por profesionais do ámbito cultural e artístico á mostra ‘Jeff Wall: O sendeiro sinuoso’

Lun, 16/01/2012 - 11:50
O CGAC presenta novas visitas guiadas por profesionais do eido cultural á exposi
O CGAC presenta novas visitas guiadas por profesionais do eido cultural á exposición de Jeff Wall

O Centro Galego de Arte Contemporánea, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acollerá a partir de mañá novas citas dentro do ciclo de visitas guiadas por profesionais do ámbito cultural e artístico a este centro. As visitas non requiren cita previa, sairán da recepción do CGAC ás 19 horas e terán unha duración de 60 minutos.

A mostra Jeff Wall: O sendeiro sinuoso será analizada na primeira xornada polo crítico e director da revista Dardo, David Barro. O 24 de xaneiro o encargado será Víctor Mejuto, xefe de fotografía de La Voz de Galicia, e unha semana despois Manuel Sendón, artista, comisario e profesor da facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Durante o mes de febreiro os convidados serán os fotógrafos Andre Cepeda e Damián Ucieda, os días 7 e 14, respectivamente; un mes que pechará coa intervención do director do centro, Miguel von Hafe Pérez, o 23 de febreiro.

A exposición The Crooked Path, organizada polo Centro de Belas Artes de Bruxelas (Bozar) en colaboración co CGAC examina o contexto que propiciou o desenvolvemento da obra de Jeff Wall e, a través dunha ampla escolma tanto das súas obras coma das doutros artistas, aspira a percorrer a traxectoria das preocupacións estéticas do fotógrafo. A mostra, que vén colleitando unha moi positiva acollida de crítica e público, conta desde o seu inicio, ademais, cun servizo de visitas guiadas durante a fin de semana (ás 13,00 horas os sábados e os domingos).

O CGAC vén de dar a coñecer, ademais, as cifras sobre os seus visitantes ao longo do pasado 2011, un total de 66.000 no centro. A eles hai que engadir os 3.400 espectadores da exposición Mystique (fondos das coleccións CGAC na Igrexa da USC) durante o mes de decembro e os 28.500  visitantes de Transtempo de Cristina García Rodero, unha produción do centro que visitou o Círculo de Bellas Artes de Madrid entre xullo e outubro do pasado ano.