Vázquez Abad: “a Cidade da Cultura recibiu máis de 330.000 visitas e organizou 238 actividades no seu primeiro ano de apertura ”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sinalou que “ao longo do 2011 conseguiuse encher de contidos e organizar unha oferta plural”

De cara o futuro, Xesús Vázquez Abad dixo que “proximamente presentaremos o Plan Gaiás, a folla de ruta que marcará o futuro deste complexo cultural ata o 2018, cumpríndose co compromiso deste Goberno de dotar ao Gaiás dun Plan Estratéxico”

Para este ano 2012 acollerá en febreiro o Encontro Internacional Economía e Cultura, a exposición Gallaecia Petrea, coa que se inaugurará o Museo de Galicia, e o concerto de Björk en xuño, entre outras actividades

Sáb, 14/01/2012 - 12:35

Vídeo (1) coas declaracións do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Vídeo (2) coas declaracións do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Vídeo (3) coas declaracións do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Vídeo (4) coas declaracións do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou en rolda de prensa o balance de visitantes e da programación da Cidade da Cultura ao longo do ano 2011

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o balance de visitantes e da programación do ano 2011.

O conselleiro valorou como “moi satisfactorio” o primeiro ano de funcionamento do Gaiás, no que 331.892 persoas visitaron esta infraestrutura cultural. Asemade, o Xesús Vázquez Abad destacou a calidade e a diversidade das 238 actividades que organizou a Cidade da Cultura nestes primeiros doce meses, “conseguindo abrir o Gaiás a toda a cidadanía, á comunidade de artistas e ao tecido de industrias culturais galegas”. Nesta liña, o conselleiro dixo que “no primeiro ano de actividade encheuse de contidos e organizar unha oferta plural e para todos os públicos, dinamizando este espazo arquitectónico e abríndoo a toda a comunidade de artistas e creadores”.

Asemade Vázquez Abad dixo que “nas actividades culturais organizadas participaron un 338 artistas, que axudaron a dotar de contidos ao Gaiás no que foi o seu primeiro ano de vida”. Das 236 empresas que participaron na organización dos diferentes espectáculos, 211 foron galegas, 18 do resto de España e 7 internacionais.

Obxectivos

De cara o futuro, o titular de Cultura e Educación afirmou que “continuarei co proxecto iniciado polo meu antecesor e traballarei para implicar aínda máis a todos os sectores culturais e a cidadanía galega”. “A Cidade da Cultura seguirá sendo o complemento perfecto para darlle un novo pulo á cultura de base, porque seguiremos traballando para converter a Cidade da Cultura nunha plataforma para proxectar internacionalmente a creatividade dos nosos artistas e novos valores”, aseverou.

Segundo Vázquez Abad, para acadar estes obxectivos “está previsto presentar proximamente o Plan Gaiás, a folla de ruta que marcará o futuro deste complexo cultural ata o ano 2018, cumpríndose co compromiso deste Goberno de dotar ao Gaiás dun Plan Estratéxico”.

Asemade, o conselleiro tamén adiantou que o Museo de Galicia inaugurarase coa exposición Gallaecia Petrea, prevista para o mes de xuño, “unha das mostras máis ambiciosas postas en marcha en Galicia, que presentará un deseño novidoso, co emprego de novas tecnoloxías, tratando de achegar os seus contidos a todos os públicos”. Antes do verán tamén se inaugurará o edificio de Servizos Centrais e o traslado ao mesmo do ‘corazón dixital’ da Administración galega, o Centro de Proceso de Datos Integral.

De cara ao próximos meses está prevista a segunda edición do ciclo Pequeclassics; o Encontro Internacional Economía e Cultura que se celebrará en febreiro; e o concerto da estrela internacional de pop Björk, o 22 de xuño

O conselleiro felicitou e agradeceu ao anterior titular de Cultura e Turismo, Roberto e Varela, o seu labor ao fronte desta institución. Do mesmo xeito tamén fixo referencia ao traballo desenvolvido polos directores da Fundación Cidade da Cultura e de Acción Cultural, Beatriz González Loroño e Ignacio Santos Cidrás, respectivamente.

Na rolda de prensa de balance do primeiro ano da Cidade da Cultura estiveron presentes, xunto ao conselleiro, os dous directores citados anteriormente o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitaven, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Actividades socio-culturais

Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que “o público refrendou esta programación, na que se priman as actividades de corte socio-cultural por riba dos grandes eventos, onde os interpelados outorgáronlle unha valoración media global dun 8,5 sobre 10”. Anxo Lorenzo subliñou a pluralidade das actividades ofrecidas, “con programas dedicados a un público familiar cunha gran acollida por parte do público”. Entre estes eventos destaca por exemplo o ciclo de música clásica para nenos Pequeclassics, que esgotou as entradas para todas as sesións nas primeiras 24 horas dende a súa posta á venda; as Visitas Máxicas, nas que o público descubriu o Gaiás da man de magos e ilusionistas; Cidade Imaxinaria, unha xornada na que a Cidade da Cultura se transformou nun grande escenario efervescente dedicado ás artes escénicas. Precisamente este festival reuniu a máis de catro mil persoas o pasado 20 de agosto, converténdose no evento máis multitudinario dos celebrados no Gaiás.

Moi boa aceptación tivo tamén o ciclo Atardecer no Gaiás, con 24 espectáculos durante os seráns dos xoves, venres e sábados do verán, onde se preparou un espazo para diferentes estilos, dende o pop internacional ao indie nacional, música clásica, brasileira ou poesía.

Ademais compre destacar outros dous ciclos centrados no son: Diarios Sonoros, dedicado a recoñecer autores que abriron novos camiños no mundo da música e que contou coa presenza, entre outros, do gaiteiro bretón Patrick Mollard; e Ruído de Fondo, que levou ata o Gaiás as diferentes expresións de arte sonora a través de figuras internacionais como Hayvanlar Alemy, No Age, Ulver ou Alyce Santoro.

A Cidade da Cultura tamén celebrou eventos que perseguen a apertura deste espazo aos talentos emerxentes como o I Encontro de Artistas Novos. Cidade da Cultura, que tivo lugar no mes de setembro e onde cen mozos creadores puideron compartir e debater sobre o posicionamento actual do artista e o devir da produción artística contemporánea. Xunto a eles, nestes primeiros seis meses de programa cultural, polo Gaiás teñen pasado nomes prestixiosos do mundo da música como Mischa Maisky; das letras como Jorge Edwards, Antonio Gala ou María Kodama; ou das artes plásticas como o escultor Miquel Navarro.

Exposicións

Precisamente o artista valenciano firmou unha das exposicións que acolleu a Cidade da Cultura: Figuras para a batalla, unha mostra creada expresamente para a praza exterior do Gaiás e composta por un “exército” de vinte e catro figuras de tres metros e medio de altura. A mostra Cartografía antiga de Galicia espertou un grande interese dos visitantes, que puideron contemplar os primeiros mapas da comunidade pertencentes ao fondo da Biblioteca de Galicia. O Arquivo de Galicia, pola súa banda, contou con 120 máquinas de escribir que resumen o máis destacado da historia deste invento a través da exposición Typewriter. A Historia escrita á máquina. Colección Sirvent, que tivo unha vertente didáctica a través das visitas para escolares nas que participaron preto de catro mil rapaces.

Inside foi a última das mostras en chegar á Cidade da Cultura co obxectivo de “reinterpretar” o Gaiás a través de sete intervencións de arte contemporáneo. Comisariados por Rafael Doctor Roncero, as obras dos artistas Marlon de Azambuja, Elena Fernández Prada, Alicia Martín, Pamen Pereira, Jorge Perianes, Damián Ucieda poderán verse na Cidade da Cultura ata o 16 de abril xunto con Container Inside, a obra colectiva resultante do I Encontro de Artistas Novos que forma parte desta exposición.

A Cidade da Cultura foi tamén o escenario do encontro e o debate do I Foro Internacional de Espazos para a Cultura. FIEC, que reuniu no alto do Gaiás a representantes dalgunhas das institucións culturais máis prestixiosas do mundo como o MoMA, o IRCAM-Pompidou, o Smithsonian, o Barbican Centre ou o Museo de Arte de Sao Paulo, así como de destacados centros nacionais como o Niemeyer, La Casa Encendida ou o Centre de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB).

Na posta en marcha de toda esta programación resultou fundamental o compromiso das empresas integradas no padroado da Fundación Gaiás, que contribuíron coas súas aportacións ao financiamento destas actividades.