Valentín García toma posesión como novo secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación

Ata o de agora era técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Estrada, onde dirixía o departamento de Cultura, Normalización Lingüística e Xuventude; e foi, tamén, coordinador técnico da Rede de Dinamización Lingüística

Substitúe no cargo a Anxo Lorenzo, actual secretario xeral de Cultura da Consellería

Ven, 13/01/2012 - 15:00
Valentín García toma posesión como novo secretario xeral de Política Lingüística
Valentín García toma posesión como novo secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación

Valentín García Gómez tomou hoxe posesión do seu cargo como secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, despois de que onte o seu nomeamento fose aprobado no Consello da Xunta.

No acto estiveron presentes todos os membros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Mendez Ferrín, e o escritor Xosé Neira Vilas, entre outros representantes da cultura e a lingua galegas. Tras a toma de posesión García Gómez dirixiuse a todos eles e sinalou que “traballarei para facer e construír en positivo, e ademais para escoitar a todas e todos, coa man sempre tendida, as portas abertas, e a vista sempre no horizonte á busca de lugares comúns,  posturas de expresión e entendemento que permitan avanzar na extensión o uso e do prestixio do idioma galego, pois xusto para iso é para o que o pobo o foi creando a través dos séculos, para entendérmonos e nunca para distanciarnos. Levaremos adiante o proxecto con impecable respecto ao pobo galego”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, sinalou que o novo secretario xeral de Política Lingüística ten como obxectivo continuar o labor iniciado polo seu antecesor no cargo, Anxo Lorenzo. “A continuidade nos proxectos, nos obxectivos e nas tarefas é, para esta Consellería, unha cuestión de especial relevancia, no tocante ás responsabilidades e ás tarefas que teñen que ver coa xestión pública” sinalou Vázquez Abad ao tempo que se referiu ao novo secretario e destacou a importancia do seu perfil, así como a traxectoria, pois “contribuíu co seu traballo e dedicación á posta en marcha dun dos proxectos prioritarios do Goberno galego en materia de promoción do uso do idioma: a Rede de Dinamización Lingüística. Ninguén mellor para darlle continuidade e para seguir avanzando na promoción social do uso da lingua galega ca un dos profesionais técnicos que teñen desenvolvido ata o día de hoxe un maior labor de dinamización do noso idioma”.

Valentín García

Ata o de agora Valentín García estaba a traballar como técnico do servizo lingüístico do Concello da Estrada, onde dirixía o departamento de Cultura, Normalización Lingüística e Xuventude; e colaborou, tamén, no deseño e posta en marcha da Rede de Dinamización Lingüística, da cal era coordinador técnico. Esta rede está a supoñer unha novidade importante no deseño e na aplicación das políticas lingüísticas en Galicia e conta actualmente con 97 entidades adheridas: 90 concellos, 3 mancomunidades, 3 deputacións e o Consello da Cultura Galega.

O novo secretario xeral de Política Lingüística presidiu a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e foi co-autor da proposta de creación dun consorcio de normalización lingüística presentada por esta entidade en 1998. Ademais, foi membro da comisión creada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para redactar os estatutos de creación dun Consorcio de Planificación Lingüística.

García Gómez colaborou na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e formou parte da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (Consello da Cultura Galega). Ademais, foi secretario da Fundación Xosé Neira Vilas, da Fundación Cultural da Estrada e do Premio de Novela M. García Barros. Tamén, representante do Concello da Estrada na Fundación Antón Losada Diéguez e membro do Comité de Seguimento do Premio Xornalístico M. Reimóndez Portela.

Ten publicados diversos artigos e estudos sobre sociolingüística e a necesidade de formular políticas lingüísticas adaptadas á realidade social de Galicia, tema que desenvolveu en numerosos congresos, simposios, conferencias, así como na elaboración de proxectos da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén foi secretario da Fundación Castelao, e no eido da formación para persoal das administracións públicas, foi profesor colaborador da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Ten feito desde hai anos un intenso labor de dinamización da cultura e lingua de Galicia dende o ámbito dos municipios, no cal resaltou a planificación e execución de programas de amplo contido no fomento do idioma.