A Xunta convoca as axudas para financiar a matrícula de máster oficial a persoas desempregadas

O orzamento total da convocatoria é de 120.000€

O obxectivo é mellorar as súas perspectivas de inserción no mercado laboral

Poden solicitarse ata o 24 de outubro

Ven, 23/09/2022 - 14:57
a

A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria de axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para matricularse nun máster universitario oficial nas universidades públicas galegas no curso académico 2022/2023, cun importe total de 120.000€. En función do tipo de máster que curse o beneficiario, o importe máximo de axuda será de 835,80 € e o mínimo de 591 €.

O obxectivo desta liña da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é facilitar que as persoas desempregadas cursen un máster universitario que lles proporcione unha formación avanzada orientada á especialización académica ou profesional e melloren así o seu acceso a un mercado de traballo globalizado.

Poderán solicitar estas axudas as persoas que remataran os estudos universitarios de grao antes do 30 de setembro de 2021 ou estean en situación de desemprego e que no curso 2022/23 estean matriculadas nun máster universitario oficial en Galicia, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 24 de outubro.