Ignacio Santos deixará a Cidade da Cultura tras elaborar o Plan Gaiás, que se presentará proximamente

O director de Acción Cultural pon fin a esta etapa, logo de pór en marcha o primeiro programa cultural e redactar o Plan Gaiás 2012-2018.

Xov, 12/01/2012 - 20:00

O director de Acción Cultural da Fundación da Cidade da Cultura de Galicia, Ignacio Santos Cidrás, comunicou hoxe ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, a súa intención de poñerlle fin á súa etapa, unha vez cumpridos os dous grandes obxectivos que lle foron encomendados: pór en marcha un programa cultural para o segundo semestre de 2011 e elaborar o Plan Gaiás 2012-2018. Ignacio Santos aceptara a devandita responsabilidade coa condición de non continuar no cargo, unha vez cumpridos os compromisos adquiridos.

O conselleiro de Cultura transmitiulle o seu agradecemento pola xestión realizada no seu primeiro ano de apertura ao público. Pola súa banda, Ignacio Santos expresoulle a súa gratitude pola confianza depositada nel por parte do Goberno galego e manifestoulle o seu orgullo por formar parte do equipo encargado de pór en marcha un proxecto tan importante para Galicia.

Ignacio Santos ocupou o posto de director de Acción Cultural o pasado mes de abril, responsabilidade á que chegou despois de desempeñar o cargo de director xerente da S.A de Xestión do Plan Xacobeo durante o último Ano Santo 2010. O seu compromiso era permanecer no posto ata rematar a elaboración do Plan Gaiás, que será presentado proximamente.

Á fronte do Departamento de Acción Cultural, puxo en marcha o que foi primeiro programa cultural desta institución e dirixiu a elaboración do Plan Gaiás, a “folla de ruta” que marcará a traxectoria a seguir pola Cidade da Cultura no período 2012-2018, plan que xa está rematado e que será presentado antes da inauguración do Museo de Galicia.