Vázquez Abad visita as instalacións do CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes, en Pontevedra

O conselleiro de Cultura e Educación escoitou as peticións de mellora realizadas pola comunidade educativa do centro

Mér, 11/01/2012 - 11:15
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na visita que re
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na visita que realizou ao CEIP Doutor Suárez

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as instalacións do CEIP Doutor Suárez (Fornelos de Montes), acompañado polo director do mesmo, Francisco Rodríguez Rial, onde escoitou as peticións de mellora realizadas pola comunidade educativa do centro, onde estudan 87 alumnas e alumnos.

Neste encontro, no que estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, o conselleiro explicou que a Consellería xa amosou o seu compromiso con este centro, ao que se enviou á Unidade Técnica da Xefatura Territorial da Consellería na provincia para realizar unha avaliación do estado das instalacións.

Unha vez analizado o informe elaborado pola Unidade Técnica, está previsto proceder á reparación da cuberta, acción na que se prestará unha especial atención ás limas e canalizacións. Con todo -tal e como explicou o conselleiro- é necesario lembrar que a reparación da cuberta só terá uns resultados realmente satisfactorios se o Concello desenvolve cumpridamente os traballos de limpeza dos canalóns, que lle competen.

Aula dixital

Durante a visita o conselleiro recordou o compromiso do departamento que dirixe con este colexio. Non en balde, este curso asignóuselle un kit de aula dixital, que xa foi instalado e que está composto por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e un proxector, no marco do acordo subscrito entre a Consellería de Educación, a Secretaría Xeral de Modernización e a entidade Red.es, dependente do Ministerio de Industria.

Neste sentido recordou que, ao abeiro do devandito acordo, este curso repartíronse máis de 600 equipos en centros educativos galegos, con prioridade para os de infantil e primaria que para o presente curso tiñan un menor equipamento das características antes nomeadas, así como para os colexios e institutos que asinen contratos programa.

Ademais, a biblioteca do centro integrouse este curso no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, co que se reforzan as achegas que vén recibindo por parte da Consellería para a melloras dos seus fondos e actividades de fomento da lectura, para o que xa leva recibidos 11.050 euros. Doutra banda, o conselleiro lembrou que o departamento educativo da Xunta de Galicia destina máis de 172.500 euros ao mantemento dos servizos complementarios de comedor e transporte escolar neste colexio.