O conselleiro de Cultura e Educación recorda a figura de Issac Díaz Pardo e destaca o legado do intelectual falecido hoxe

No seu primeiro acto no novo cargo Vázquez Abad destacou que foi “un dos máximos referentes culturais de Galicia unha figura sen dúbida irrepetible”

No acto de toma de posesión dos novos secretarios xeral técnico da Consellería e secretario xeral de Cultura o conselleiro sinalou que se organizará unha homenaxe en torno á figura de Díaz Pardo

Xov, 05/01/2012 - 12:36

“As miñas primeiras palabras deben de ser de fondo pesar polo falecemento de Isaac Díaz Pardo, un dos máximos referentes culturais de Galicia, unha figura sen dúbida irrepetible”, así recordou hoxe o novo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, a figura do intelectual galegista, falecido está mañá na Coruña.

Durante o seu primeiro acto como conselleiro Vázquez Abad dixo que “Issac debe ser xa na lembranza, un exemplo para todos nós. Sempre desde unhas posturas de máxima liberdade independencia de criterio e compromiso, impulsou iniciativas culturais para dinamizar a sociedade civil nun tempos difíciles sen institucións democráticas nin autonómicas”.

Asemade o conselleiro anunciou que a Consellería está a traballar na organización, nos próximos días, dunha homenaxe “á memoria deste xigante da nosa cultura”.

Anxo Lorenzo

Anxo Lorenzo comezou a súa intervención co recoñecemento a Isaac Díaz Pardo, unha figura que vai transcender, sen dúbida ningunha, e vai pasar a formar parte dos nosos mitos, do noso imaxinario colectivo porque foi un creador en sentido absoluto”, dixo.
 
Ao fío disto, “afirmou que pensar na forza creativa e creadora, na capacidade de construción social e cultural de persoas coma Díaz Pardo, sitúannos de cheo ante a responsabilidade e o soño de que é posible construír país se hai vontade”. “Díaz Pardo –engadiu– viviu un tempo non máis doado ca o noso e logrou desenvolver nel forza creativa e capacidade de xestión dun dos proxectos empresariais e culturais máis importantes da historia de Galicia”.
 
Mencionou tamén outras das destacadas figuras da cultura galega do século XX, Ramón Piñeiro, recuperando a súa palabra: "A conservación e arrequecemento da cultura ten que ser obra da comunidade, do pobo enteiro, porque a cultura é a expresión do ser común e é, polo mesmo, verdadeiro patrimonio".
 
Anxo Lorenzo quixo agradecerlle ao Goberno galego a confianza depositada nel como responsable da Secretaría Xeral de Cultura. “Desde logo –dixo– non me van faltar ilusión, traballo e dedicación, e  agardo estar á altura das circunstancias”.
 
Finalmente, falou da necesidade de contar “cun modelo propio para traballar na cultura galega porque é un dos piares da identidade e do autogoberno de Galicia”. “Polo tanto, nestes tempos de dificultades e incertezas, precisamos a axuda e a colaboración de todos e de todas, e desde as institucións públicas e desde a secretaría de cultura ofrecezo diálogo, rigor e traballo arreo”, concluíu.