Jesus Oitavén Barcala e Anxo Lorenzo toman posesión como secretario xeral técnico de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e secretario xeral de Cultura

Desempeñaban ata agora os cargos de secretario xeral técnico de Educación e de secretario xeral de Política Lingüística

Xov, 05/01/2012 - 12:11
Jesus Oitavén Barcala e Anxo Lorenzo toman posesión como secretario xeral técnic
Jesus Oitavén Barcala e Anxo Lorenzo toman posesión como secretario xeral técnico de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e secretario xeral de Cultura

Jesús Oitavén Barcala e Anxo M. Lorenzo Suárez tomaron hoxe posesión dos seus cargos como secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e como secretario xeral de Cultura, despois de que onte fora aprobada no Consello da Xunta a nova estrutura orgánica das consellerías.

Desta forma, Oitavén cesa como secretario xeral técnico de Educación e Ordenación Universitaria, cargo que viña desempeñando desde maio de 2010. Pola súa parte, Lorenzo cesa como secretario xeral de Política Lingüística, cargo que viña desempeñando desde 2009.

O novo secretario xeral técnico, nado en Cotobade (Pontevedra) é licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, e é funcionario do Corpo Superior de Administración da Xunta de Galicia, co diploma de directivo. Ademais é membro do Consello de Administración da Sociedade Pública de Investimento (SPI).

Antes da súa chegada á Consellería de Educación desenvolveu a súa actividade laboral como Auditor no Consello de Contas de Galicia, prestando servizo na área da conta da Administración Institucional e na área da conta xeral do SERGAS.

Ao longo da súa vida profesional desenvolveu o seu labor no Instituto Galego de Vivenda e Solo, onde foi director técnico de Supervisión e Asesoramento (1999-2005) e xefe da área de fiscalización (1994-1999). Comezou a súa carreira administrativa en 1993 como xefe de sección de Fiscalización no IGVS, e posteriormente como xefe de xestión económica e control orzamentario na Consellería de Familia; Muller e Xuventude.

Nacido en Vigo (1964), Anxo M. Lorenzo Suárez é licenciado en Filoloxía Hispánica e doutor en Filoloxía pola Universidade Autónoma de Barcelona. É profesor do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo desde 1992, onde é profesor titular de universidade desde 2000.

No ámbito da política lingüística, foi durante cinco anos director do servizo lingüístico da Universidade de Vigo e participou na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Como sociolingüista, é autor de numerosas publicacións sobre política lingüística, así como sobre planificación e contacto de linguas.

Á fronte da Secretaría Xeral de Política Lingüística desde 2009, impulsou un novo modelo lingüístico no marco educativo, o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo, e puxo en marcha a primeira Rede de Dinamización Lingüística de Galicia.