Os concellos xa poden solicitar as axudas da Xunta para a dinamización da lingua galega no ámbito local

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no DOG a convocatoria de subvencións para promover o uso do galego desde o ámbito municipal

Os municipios que xa colaboran coa Xunta nesta tarefa a través da Rede de Dinamización Lingüística terán prioridade na concesión das axudas

O local é un ámbito estratéxico para o fomento do idioma porque favorece unha política lingüística de proximidade coa cidadanía

Mér, 04/01/2012 - 10:05

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde de subvencións do 16 de decembro de 2011 dirixida ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. Esta convocatoria de axudas para os concellos ou agrupacións de concellos de 3.000 ou máis habitantes ten dous obxectivos prioritarios: promover a prestación dun servizo lingüístico local e favorecer o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega.

Os obxectivos desta liña de axudas enmárcanse na estratexia prioritaria da secretaría xeral de avanzar na promoción social do galego desde o ámbito local. Polo tanto, a orde de subvencións contribúe co labor conxunto que están a impulsar a Xunta de Galicia e os concellos a través da recentemente constituída Rede de Dinamización Lingüística.

Para favorecer que a tarefa de dinamización do galego se desenvolva de xeito coordinado e planificado en todo o territorio, a orde de subvencións dálles prioridade aos concellos que actualmente forman parte da Rede, así como aos que demanden a súa adhesión no prazo establecido para solicitar as axudas.  

Modalidades de axuda

A orde consta de catro modalidades de axuda. A primeira e a segunda están dirixidas a crear un servizo lingüístico a través da contratación de persoal técnico, nun caso para un concello e no outro para un agrupamento de concellos. As entidades locais que xa teñan un servizo lingüístico en funcionamento e queiran mantelo (dotándoo de continuidade) ou reforzalo (contratando máis persoal técnico), poden solicitar a terceira modalidade.

Estas tres modalidades de axuda inclúen a planificación e o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística, xa que son funcións derivadas da prestación dos servizos lingüísticos. Para aqueles concellos que, malia non contaren con servizo lingüístico, tamén levan a cabo programas de dinamización do uso do galego, a convocatoria inclúe unha cuarta modalidade de subvención.

Actividade de 2011 e 2012

A orde de axudas está dotada cunha contía de 520.000 euros. Poderán ser obxecto de subvención as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 15 de outubro de 2012. Polo tanto, como xa adiantara a secretaría xeral, esta nova convocatoria permite tamén a imputación do gasto de 2011, por mor da anulación da orde de axudas publicada o 4 de marzo de 2011. O prazo de solicitude está aberto desde mañá ata o 4 de febreiro.

Criterios de valoración

A convocatoria mantén as características básicas da anterior. No que respecta aos criterios para o baremo das solicitudes, ademais da pertenza á Rede de Dinamización Lingüística, valorarase o mantemento dos servizos lingüísticos, co fin de favorecer a continuidade na súa prestación e contribuír en maior medida ao seu financiamento.

Tamén se lles dará prioridade aos municipios que se agrupen para compartir un servizo, especialmente aqueles que o fagan con concellos de menos de 3.000 habitantes, que contan con maiores dificultades para a prestación deste servizo. Ademais, terase en conta a consideración estratéxica do servizo, atendendo aos territorios máis desgaleguizados e aos considerados de especial interese para a cobertura uniforme de Galicia.

No caso das programacións de dinamización da lingua galega, a convocatoria establece cinco ámbitos de actuación prioritarios (deporte, mocidade, tecnoloxías da información e da comunicación, economía e servizos sociais), en consonancia coas liñas de actuación e os programas de actividades que se irán desenvolvendo no marco da Rede.

O local, un ámbito estratéxico

O local é unha vía estratéxica para o fomento do idioma porque favorece a posta en marcha dunha política lingüística de proximidade coa cidadanía. A súa responsabilidade na normalización lingüística permítelles aos concellos aplicar neste ámbito medidas para incrementar a presenza social do galego tendo en conta as necesidades específicas e a realidade dos distintos territorios.

O traballo en rede

Para contribuír co seu papel normalizador, a secretaría xeral convoca estas axudas. Ademais, para estender a promoción lingüística como un servizo á cidadanía a secretaría xeral puxo en marcha a Rede de Dinamización Lingüística. A Rede permítelles ás dúas administracións con responsabilidade na normalización lingüística desde o ámbito municipal –a autonómica e a local– levar a cabo un traballo conxunto e coordinado, o que constitúe un modelo de xestión cada vez máis frecuente e que é garantía de bos resultados.

Actualmente forman parte da Rede 90 concellos das catro provincias, as deputacións da Coruña, Ourense e Pontevedra, as mancomunidades da Comarca de Fisterra, de Arousa Norte e de Terras de Celanova, e mais o Consello da Cultura Galega.

A Rede inaugurará a súa programación de dinamización lingüística no primeiro trimestre de 2012, coa que levará a todos os seus concellos 250 actividades.

Declaracións de Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística

Menús News node R