A rede de viveiros de empresa dos Centros Integrados de Formación Profesional impulsa o emprendemento de 10 proxectos

A Consellería de Educación pon a disposición dos seus usuarios o apoio e asesoramento de profesores e técnicos especialistas

Dom, 01/01/2012 - 11:00

A Rede de Viveiros de empresa instalados en 7 Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e nun Instituto de Educación Secundaria está a axudar a 24 galegas e galegos emprendedores a sacar adiante os seus proxectos e ideas empresariais, ao abeiro do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia ‘eduEmprende’. Deste xeito a Consellería de Educación continúa a impulsar a estratexia de mellora das capacidades en competencias e iniciativas emprendedoras, fomentando que aumente a autonomía do alumnado, impulsándoo deste xeito cara á empresarialidade.

Con este obxectivo, o departamento educativo da Xunta de Galicia pon a disposición dos usuarios destes viveiros o apoio e asesoramento de profesores e técnicos especialistas. Ademais as alumnas e alumnos contan coa axuda do responsable do viveiro que acompañará ao emprendedor en todo momento, sempre de xeito gratuíto. Os espazos físicos onde se atopan os viveiros sitúanse dentro das instalacións dos centros educativos e están dotados co mobiliario e equipamentos necesarios para o inicio do funcionamento dunha actividade emprendedora.

A Rede de Viveiros está formada na actualidade por 8 centros, o CIFP Ánxel Casal (A Coruña), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Politécnico de Lugo, o CIFP Portovello (Ourense), o IES Luís Seoane (Pontevedra), o CIFP Manuel Antonio (Vigo), o CIFP Politécnico de Santiago e o CIFP A Granxa (Ponteareas). Neste sentido cómpre lembrar que Galicia é pioneira na implantación dos viveiros de empresa en centros educativos, unha iniciativa coa que se busca dar resposta ás esixencias derivadas da globalización de incidir en plans e medidas que fomenten un dinamismo empresarial máis áxil, con empresas máis activas e innovadoras.

Actividade dos viveiristas

Entre os 10 proxectos que se están a desenvolver na Rede de Viveiros hai diferentes iniciativas. Así na cidade das Burgas, no CIFP Portovello, destacan as iniciativas de creación dunha escola infantil - que xa conta con forma xurídica de empresa- a cargo dun grupo de estudantes do ciclo formativo de grao superior de educación infantil; así como o de creación dun estudio de deseño de interiores, un proxecto desenvolvido por alumnos que cursaron estudos superiores de deseño de interiores.

En Vigo, no CIFP Manuel Antonio cabe salientar o proxecto de creación dunha marca de restauración en base a cociña tradicional galega, para a que os viveiristas xa están a buscar un local comercial na cidade de Vigo. Neste mesmo centro trabállase nun proxecto de oficina técnica dedicada a prestar servizos a empresas tales como asteleiros ou fábricas.

Tamén no eido de asesoramento a empresas, no IES Luis Seoane, de Pontevedra, trabállase nun proxecto especializado na xestión de asociacións relacionadas coa difusión de cultura musical. Doutra banda, o proxecto desenvolvido no CIFP Politécnico de Lugo afonda na relación empresa-cliente, coa creación dunha plataforma web de intermediación entre particulares e empresas de servizos. Xa noutro eido, os viveiristas do CIFP Rodolfo Ucha, de Ferrol, preparan a creación dun taller de autoreparación de coches.

Pola súa parte, o CIFP A Granxa, de Ponteareas, centra os seu proxecto no eido da Vitivinicultura e da Produción Agroecolóxica, con tres iniciativas dirixidas á creación dunha bodega enmarcada nunha casa de turismo rural, unha cooperativa de viños, e unha empresa de cultivo e venda de vexetais ecolóxicos.

Cómpre sinalar que, ademais dos proxectos desenvolvidos neles, a Rede de Viveiros de empresa asesora neste momento 5 proxectos, nos ámbitos da produción agroecolóxica, a restauración, o comercio, a estética, a construción ecolóxica e bioconstrución e a carpintaría.

Desta forma a Rede de Viveiros convértese nun referente para o impulso do emprendemento e a innovación na actividade produtiva de Galicia.