Román Rodríguez destaca a rehabilitación integral de vinte centros ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica co apoio de fondos europeos

Estas actuacións avanzan na consecución dun novo modelos de centros postpandemia, establecido no Plan da Xunta, máis verdes e saudables

Todas as obras foron programadas polo Goberno galego e, unha vez licitadas, recibiron co financiamento do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE

Mar, 21/06/2022 - 12:46

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitaron hoxe o colexio CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, en Santiago de Compostela, onde se está a desenvolver unha obra de rehabilitación integral por importe de máis de 615.000€.

A obra do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei enmárcase nun paquete de 20 proxectos de mellora de eficiencia enerxética en centros educativos seleccionados pola Xunta de Galicia para o seu cofinanciamento con fondos europeos. A actuación programouse no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia e, unha vez licitada, xurdiu a posibilidade de cofinanciala con fondos destinados a Galicia do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE.

Para tal fin, a Xunta e o Goberno central asinaron un convenio de colaboración o decembro pasado, polo que se transferían orzamentos para confinanciar, no caso da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, 20 actuacións xa programadas e en marcha por parte do Goberno galego, por valor de máis de 19M€.

As obras concretas son, ademais desta do CEIP Mestre Xixirei, as dos CEIP Plurilingüe Virxe da Luz (Portomarín), de Frións (Ribeira), Almirante Juan de Lángara y Huarte (Ferrol), Manuel Respino (A Rúa), Sequelo (Marín), Seara (Moaña), Gregorio Sanz (Ribadeo), Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño), CEIP de Figueroa (A Estrada) e a do CPI de Padrenda Crespos (Ourense).

Tamén están cofinanciadas por fondos europeos as melloras nos institutos IES de Catabois (Ferrol), Fontexería (Muros), Lamas de Abade (Santiago de Compostela), Blanco Amor (Ourense), As Lagoas (Ourense), da Pobra do Caramiñal (A Pobra do Caramiñal), San Tomé de Freixeiro (Vigo), Pino Manso (O Porriño) e María Sarmiento (Viveiro).

Illamento térmico

Tal e como explicou o representante da Xunta de Galicia, a rehabilitación integral permitirá un aforro enerxético de arredor do 50%, “o que entronca directamente cos obxectivos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para deseñar os centros educativos do século XXI, máis eficientes desde o punto de vista enerxético e, polo tanto, máis respectuosos coa contorna”. A previsión é que os traballos estean rematados para o inicio do curso escolar 2022/23.

En concreto, na parte de mellora da eficiencia enerxética a obra inclúe a Instalación de sistema de illamento térmico polo exterior (SATE) e dunha nova cuberta de tella, incluíndo canlóns de aceiro galvanizado e drenaxe perimetral para evitar a aparición de humidades.

Así mesmo, substitúese a carpintería exterior por unha nova de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e a carpintería interior en zona de dirección, almacenaxe e instalacións. Tamén se colocan novas luminarias de alta eficiencia enerxética, tipo LED, con equipos de regulación multisensor.

Outras melloras

Por outra banda, instálase falso teito en todo o centro, renóvanse os baños de Primaria e habilítanse dous novos baños en Infantil (un deles adaptado). A maiores, adecuarase o espazo exterior traseiro do edificio de Primaria, dándolle acceso dende o interior do ximnasio e construíndo unha rampla accesible. Tamén se instalará un graderío e pavimentarase parte do espazo para mellorar o seu uso, entre outras melloras.