Román Rodríguez salienta a importancia da formación de adultos para un envellecemento activo e a adquisición de competencias tecnolóxicas

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade exerce como padriño da gradación en Historia da Filosofía pola UNED Sénior en Pontevedra

Xov, 16/06/2022 - 17:39

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salienta a importancia da formación ao longo da vida como unha das claves para acadar un envellecemento activo ao tempo que adquirir novas destrezas e habilidades tecnolóxicas que favorecen a súa adaptación aos novos retos sociais.

O responsable do Goberno da Xunta en materia de educación exerceu hoxe como padriño do acto de gradación das 45 persoas maiores de 55 anos que veñen de licenciarse en Historia da Filosofía pola UNED Sénior, en Pontevedra. Na súa intervención, Román Rodríguez subliñou que a educación é a vía máis axeitada para encarar os novos desafíos, de aí a importancia da formación permanente de adultos ao longo da vida.

“A aprendizaxe permanente axúdavos a satisfacer necesidades intelectuais, pero tamén a completar a vosa participación na sociedade, sendo parte activa dos seus cambios e dos seus ritmos culturais e laborais”, dixo dirixíndose aos recén graduados, aos que felicitou “por este crecemento persoal irrepetible e por ser a proba de que a curiosidade e o coñecemento non teñen idade”. Así mesmo, estendeu os parabéns á UNED por este programa e, expresamente, ao profesor Marcelino Agís, titor en Pontevedra.