A Xunta reforza o seu compromiso cos centros educativos de Redondela con dúas novas actuacións no Instituto Mendiño e no Colexio Outeiro das Penas

O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades en Pontevedra comprobou o resultado das melloras no instituto

Acaba de asinarse a acta de replanteo para dar inicio ás obras de eficiencia enerxética no colexio

O investimento de ambos proxectos supera os 450.000€

Mér, 15/06/2022 - 13:04

A Xunta de Galicia reforza o seu compromiso cos centros educativos de Redondela a través de dúas novas actuacións no instituto IES Mendiño e no colexio CEIP Outeiro das Penas.

O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades en Pontevedra, César Pérez Ares, visitou o devandito instituto para comprobar o resultado das melloras realizadas na pista polideportiva e de ampliación de espazos do centro, ás que o departamento educativo do Goberno galego destinou 110.000€.

Así mesmo, acaba de asinarse a acta de replanteo para dar inicio ás obras de eficiencia enerxética no colexio CEIP Outeiro das Penas. Cun investimento de máis de 375.000€, a actuación ten como obxectivo a substitución das carpinterías exteriores dos tres edificios que forman o centro. No seu lugar colocaranse novas fiestras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre cristal tipo climalit. Así mesmo, renovaranse as persianas, instalando unhas novas de aluminio con illamento térmico. No caso das portas de saída ao exterior, serán tamén de aluminio con rotura de ponte térmica con cristais dobres tipo planitherm XN.

Proxectos en marcha

A Xunta de Galicia mantén un firme compromiso coa atención das necesidades dos centros educativos de Redondela. De feito, ademais destas dúas actuacións, a Xunta xa ten contratado a redacción do proxecto para a mellora das instalacións do colexio CEIP Cedeira, tal e como se acordou coa comunidade educativa do centro, e que suporá un investimento de 110.000€. Por outra banda, acaba de implantarse o demandado Bacharelato de Artes no instituto IES Pedro Floriani, centro no que tamén está prevista unha obra de ampliación.