Román Rodríguez refírese á rehabilitación integral do colexio CEIP Virxe do Corpiño como exemplo do compromiso educativo da Xunta con Begonte

Investiuse máis de medio millón de euros para renovar por completo varias estancias baixo criterios de eficiencia enerxética e accesibilidade adaptando os servizos educativos ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

A actuación permite, ademais, a creación dunha nova aula de Infantil e dotar o centro dun novo patio cuberto e novos almacéns para a cociña, entre outras accións

Mar, 03/05/2022 - 11:41
v

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o Colexio CEIP Virxe do Corpiño, en Begonte, para comprobar o resultado da rehabilitación integral acometida neste centro. “Unha obra –destacou– que reforzará e mellorará os servizos do concello adaptándoo ás novas necesidades educativas”.

O titular de Educación do Goberno galego indicou que con estas actuacións os servizos educativos de Begonte poderán dar resposta aos tempos seguindo os criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego coa que está a deseñar un modelo de centros postpandemia. “Galicia convértese en pioneira, cun novo modelo de escolas, con espazos adaptados a calquera circunstancia e dando resposta ás novas necesidades tanto educativas, como sanitarias e tecnolóxicas”, expresou.

No caso do CEIP Virxe do Corpiño, boa parte do investimento de 535.072 euros, orientouse a medidas de eficiencia enerxética para conseguir un aforro do consumo e das emisións contaminantes á atmosfera. Así, substituíronse as carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica. Tamén as caixas de persiana existentes por un sistema con illamento incorporado. Tamén se mudou toda a iluminación interior do edificio, por outra nova a base de luminarias LED con sistema de regulación.

Novos espazos

A rehabilitación do colexio permitiu, ademais, crear novos espazos. En concreto, habilitouse unha aula de Infantil con baño incorporado e pavimento de madeira similar ás outras xa existentes. Tamén se acondicionou o semisoto para destinalo a patio cuberto e acondicionouse a zona de dirección e sala de profesores, onde se creou un novo despacho para a secretaría do centro. Ademais, remodelouse o acceso ao ximnasio desde o exterior para que funcione de maneira independente da cociña e dispúxose un almacén novo nas proximidades da cociña.

A mellora da accesibilidade foi outro dos aspectos conseguiu a rehabilitación integral da Xunta. En concreto, instalouse unha nova escaleira e un ascensor para comunicar todas as plantas do edificio e unha pasarela para acceso cuberto ao pavillón deportivo, entre outras actuacións.