A Consellería de Educación e a Académie de Amiens impulsarán os intercambios escolares de estudantes e profesores entre ambas entidades

O protocolo de cooperación asinado hoxe busca reforzar e impulsar os lazos de unión entre ambas institucións a prol da mellora e a formación
Ven, 16/12/2011 - 19:05
A Consellería de Educación e a Académie de Amiens
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o reitor da Académie de Amiens, Jean- Louis Mucchielle

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Académie de Amiens asinaron hoxe un protocolo de cooperación para o desenvolvemento dun programa de intercambios escolares e distintas accións de cooperación a prol de reforzar e impulsar os nexos de unión entre ambas institucións. O documento foi asinado entre o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o reitor da Académie de Amiens, Jean- Louis Mucchielle durante o encontro que mantiveron na sede da academia francesa.

Reforzo da colaboración

Co devandito acordo búscase reforzar a colaboración entre ambas institucións, englobadas dentro da Unión Europea. Así, no Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) asegurase que o desenvolvemento e coñecemento das linguas e das culturas europeas que constitúen un elemento fundamental ao servizo da educación das mozas e mozos europeos.

O principal obxectivo é a promoción e desenvolvemento das linguas a través dun programas de intercambio, visitas e encontros entre grupos de estudantes e profesores de calquera nivel e tipo de ensinanza. Co fin de establecer a estrutura de ditas actuacións tamén se promoverá a realización de proxectos e guías de actuacións entre centros escolares de Galicia e Amiens.

A promoción deste protocolo permitirá que se leve a cabo un traballo conxunto sobre temas educativos, profesionais e culturais de interese común entre as poboacións dos organismos asinantes, en beneficio das correspondentes comunidades educativas.

Accións a prol da Formación Profesional

Durante o encontro mantido entre Vázquez Abad e Jean-Louis Mucchielle destacouse a importancia que ten a Formación Profesional na actualidade. Co fin de darlle un novo impulso a estas ensinanzas o acordo asinado tamén inclúe a promoción de sinerxías e a realización de accións conxuntas en torno a estes estudos, favorecendo o intercambio de estudantes e de profesores nas empresas de ambas rexións.

O compromiso adquirido entre ambas institucións inclúe a organización de programas recíprocos lingüísticos e pedagóxicos de perfeccionamento para os profesores de ensinanza bilingüe a través de formación inicial e continua de ditos mestres. Do mesmo xeito promovese a mobilidade de profesores a través de estancias profesionais, da acollida de auxiliares de conversas en ambas zonas europeas do programa “Julio Verne”.

Ademais o documento de cooperación tamén inclúe o impulso á mobilidade individual dos estudantes en forma de intercambio por un período máximo de catro semanas, durante as correspondentes vacacións escolares.

Encontro de traballo

Cómpre sinalar que o protocolo foi asinado durante un encontro mantido polos representantes de ambas institucións durante a xornada de traballo desenvolvida hoxe no Rectorat da academia francés. Neste contexto foille presentado ao conselleiro o programa do sistema escolar francés e a política local sobres as novas tecnoloxías, así como o programa “ENT” (Entorno Dixital de Traballo”.

Con este novo convenio a Consellería de Educación volve a dar conta do seu traballo a prol da adquisición de coñecementos de outras linguas ou o perfeccionamento das mesmas a través de diversas accións a prol da mellora na calidade educativa, destinada tanto a estudantes como a mestres, de distintos niveis educativos.