Recoñecemento ao labor dos equipos de dinamización da lingua galega no vixésimo aniversario da súa creación

A Secretaría Xeral de Política Lingüística inaugurou hoxe unha exposición de revistas escolares que repasa a traxectoria dos equipos na promoción do uso do galego desde os centros de ensino

“Apostamos por soster e facer medrar os equipos porque son unha peza clave no fomento do galego desde o ámbito educativo”, afirmou Anxo Lorenzo

A exposición, que poderá verse no Mupega ata o 15 de marzo, compleméntase cunha mostra virtual de 20 experiencias dinamizadoras actuais de diversa índole

Xov, 15/12/2011 - 12:35
Recoñecemento ao labor dos equipos de dinamización da lingua galega no vixésimo
Recoñecemento ao labor dos equipos de dinamización da lingua galega no vixésimo aniversario da súa creación

Coincidindo co vixésimo aniversario da creación dos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) nos centros de ensino de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha dúas iniciativas para contribuír ao recoñecemento e difusión do seu labor na promoción do uso do galego.

O secretario xeral, Anxo Lorenzo, inaugurou esta mañá a iniciativa central desta homenaxe no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), en Santiago. Trátase dunha exposición que repasa a traxectoria dos equipos a partir das revistas escolares que foron elaborando nos últimos vinte anos. Segundo explicou, “escollemos as revistas entre as moitas accións que veñen desenvolvendo porque son un tipo de actividade que levaron adiante dunha maneira constante desde 1991 ata hoxe”. “Os equipos sempre fixeron revistas que cambiaron co tempo e a evolución destas publicacións é a evolución dos equipos de dinamización”, dixo.  

20 anos, 20 experiencias

A exposición compleméntase cunha mostra virtual que inclúe experiencias dinamizadoras desenvolvidas polos equipos na actualidade. Trátase de 20 propostas dirixidas ás diferentes etapas educativas e de diversa natureza, que están accesibles no web da secretaría xeral, en www.xunta.es/linguagalega/20_aniversario_equipos. Entre elas atópanse recursos lingüísticos e audiovisuais; accións vinculadas co teatro, coa radio ou coa ciencia; iniciativas para a dinamización da contorna etc.

Unha rede dinamizadora no ámbito educativo

Durante a inauguración da exposición, Anxo Lorenzo asegurou que “a celebración dos 20 anos dos equipos lle permite á secretaría xeral amosarlles o seu apoio aos equipos de toda Galicia, que constitúen unha rede dinamizadora que incide constante e eficazmente sobre un conxunto amplo de poboación e que realizan un traballo fundamental na educación da futura cidadanía galega.

Tamén afirmou que “os equipos sempre estiveron na vangarda, contribuíndo durante dúas décadas á innovación educativa”. Finalmente, recordou que “os tempos son difíciles e axustes económicos, inevitables, pero, na medida do posible, a secretaría xeral quere soster e facer medrar os equipos”. “Apostamos por eles –dixo– porque son unha peza clave na dinamización da lingua propia de Galicia desde o espazo educativo”.

A evolución dos equipos a través das revistas

Na exposición están presentes dende as primeiras revistas, feitas con escasos medios e con moito entusiasmo, de temáticas centradas na etnografía e na cultura galegas, ata as máis actuais, a miúdo en soporte dixital, que abranguen temáticas variadas e que mesmo poden especializarse en deporte, ecoloxía ou banda deseñada.

A través de todas as publicacións pode observarse a evolución do traballo dos equipos. Para isto, a exposición estrutúrase en tres partes. A primeira recolle as revistas anteriores a 1991 e as revistas dese ano. Son os antecedentes e as primeiras revistas. O seguinte bloque xira arredor de 2001, cando se cumpre unha década na elaboración das revistas e se camiña cara a unha maior calidade técnica e profesional. Finalmente, encóntrase o bloque máis actual, centrado nas publicacións dos anos anteriores ao 2011 e as que se editaron neste ano.

Dúas pantallas completan a exposición, nas que se poden consultar revistas en pdf elaboradas por centros educativos das catro provincias, así como blogs de diversos equipos onde están accesibles revistas dixitais, xunto con outro material de interese para a dinamización do galego desde o ámbito educativo.

A exposición foi coordinada por Xulia Marqués, coordinadora central dos equipos de dinamización da lingua galega, e por Noemí Álvarez, que contaron coa colaboración dos catro coordinadores provinciais dos equipos: Pura Galán (A Coruña), Concha Díaz (Pontevedra), Manuela Maseda (Ourense) e Xosé Luís Ansemil (Lugo). Tamén contribuíu coa mostra Emilio Castro, asesor do Mupega.

Ademais, para poder confeccionar a selección de revistas foi preciso consultar os fondos do Museo Pedagóxico de Galicia, do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega, da Fundación Santiago Rey Fernández-La Torre e da propia Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Camiño do futuro

Hai hoxe vinte anos creáronse por vez primeira en todos os centros de educación primaria e secundaria de Galicia os daquela chamados equipos de normalización lingüística. Xa a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística contempla a posta en marcha de medidas que favorezan o uso do galego no ámbito escolar co fin de que o alumnado adquira unha boa competencia lingüística no idioma propio de Galicia.

O amplo labor dos EDLG durante estas dúas décadas permitiu alcanzar dous obxectivos fundamentais: promover unha imaxe positiva do galego e favorecer a visibilización e o uso do idioma nas actividades do centro. Por iso, a secretaría xeral quere contribuír á valoración social do seu traballo, do que as revistas escolares son tan só unha pequena parte. Un traballo que continúan a realizar coa dedicación e co entusiasmo de sempre e que abre camiños prometedores en dirección cara ao futuro.

Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo

Menús News node R