A Xunta de Galicia e o concello de Lalín conmemoran os cincuenta anos da obra máis lida da literatura galega

A localidade pontevedresa acollerá ata final de ano a exposición que promove o Goberno autonómico sobre o libro “Memorias dun neno labrego”

O secretario xeral de Política Lingüística, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos e o alcalde de Lalín inauguraron a mostra esta mañá

O acto enmárcase nas xornadas monográficas que o Concello de Lalín lle dedica ao autor do libro, Xosé Neira Vilas, durante esta semana

Lun, 12/12/2011 - 14:50
O secretario xeral de Política Lingüística, o director xeral do Libro, Bibliotec
O secretario xeral de Política Lingüística, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos e o alcalde de Lalín inauguraron a mostra esta mañá

A Xunta de Galicia e o Concello de Lalín conmemoran o  50º aniversario da obra máis lida da literatura galega, Memorias dun neno labrego, do escritor Xosé Neira Vilas. Con este obxectivo, o Goberno autonómico levou ata a localidade pontevedresa a exposición Querido Balbino, 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego, que poderá verse desde hoxe ata o 30 de decembro na casa consistorial de Lalín. 

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, promove esta exposición, que percorreu numerosos puntos de Galicia durante este ano. Os responsables dos dous departamentos autonómicos, Anxo Lorenzo e Francisco López Rodríguez, respectivamente, inauguraron a mostra en Lalín esta mañá, acompañados polo alcalde do municipio, José Crespo Iglesias, e polo director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes. Tamén asistiron ao acto, entre outros, o secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos; e os alcaldes de Vila de Cruces e de Rodeiro, Xesús Otero e Luís López Diéguez, respectivamente.

Na súa intervención, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, que previamente ofreceu unha conferencia no IES Laxeiro de Lalín, explicou que con Memorias dun neno labrego “Neira Vilas púxolle mirada á xuventude de Galicia". Francisco López subliñou que o escritor merece esta homenaxe “porque grazas a el sabemos que os rapaces e as rapazas galegas tedes capacidade de romper co que non sentides, e poñer os vosos propios ollos sobre as cousas”.

Pola súa parte, o responsable de Política Lingüística incidiu na repercusión acadada nas últimas cinco décadas pola obra, coa que moitos lectores iniciaron a súa lectura en galego, e fixo referencia á reflexión á que nos leva o libro sobre a situación do idioma na década dos 60. Ademais, recordou que Memorias dun neno labrego nos transmite aínda hoxe valores universais a través de Balbino, un neno aldeán que se gaba da súa condición de labrego e que manifesta as inxustizas sociais que rodean os da súa condición.    

O significado e a traxectoria da obra

Co proxecto expositivo Querido Balbino, 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego, a Xunta de Galicia quere renderlle homenaxe a un escritor sumamente recoñecido da literatura galega, Xosé Neira Vilas. Tamén é unha homenaxe á súa obra máis coñecida, Memorias dun neno labrego, o libro máis lido da historia da literatura galega e tamén o máis traducido a outros idiomas.

Comisariada por Valentín García e Luís Reimóndez, a exposición articúlase en torno a dous eixos que guían o espectador a través dun túnel de vitrinas. Dunha banda, preséntase a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos da súa biografía. Doutra banda, amósase diverso material referido á traxectoria seguida polo libro. A exposición lembra as edicións, adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas na obra e conta cunha sala onde se proxecta un documental sobre Balbino, o seu protagonista.

A exposición complétana 10 obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego. Os autores que colaboran nesta iniciativa son: Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Esperanza Lema, Federico Fernández, Xoán Domato, Antón Pulido, Herminda Salgueiro, Siro López e Xaquín Marín. Ademais, a mostra conta cun catálogo explicativo que exhibe un documento único: a carta a Balbino que dirixe Xosé Neira Vilás ao seu fillo literario.

Recoñecemento a Castelao e Lois Pereiro

Querido Balbino enmárcase nun proxecto expositivo máis amplo que promove a Xunta de Galicia para dar a coñecer a vida e a obra de destacados escritores da literatura galega. Unha mostra sobre Castelao, con motivo do 125º aniversario do seu nacemento, e outra sobre Lois Pereiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas en 2011, completan esta iniciativa, que levou as tres exposicións polas principais bibliotecas de Galicia e por diversos centros educativos da comunidade.

Desde hoxe, as mostras sobre Lois Pereiro e Castelao poden verse no IES de Ponte Caldelas e no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, respectivamente.

Menús News node R