Educación presenta no Consello Galego de Universidades o documento de traballo para a elaboración da lei do Sistema Universitario de Galicia

O documento presentado hoxe ten como obxectivo a elaboración dunha lei necesaria pola actual dispersión da normativa existente

O texto buscará o máximo consenso de todos os membros do sistema universitario e acadar un marco normativo que o conduza aos máximos niveis de eficiencia e excelencia a nivel nacional e internacional

No encontro informouse sobre o texto final do decreto polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais en Galicia

Lun, 12/12/2011 - 13:15
de a esqueda a dereita o reitor das Universidades de Vigo, Santiago de Compostel
De a esqueda a dereita o reitor das Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña; Salustiano Mato, Juan Casares Long e José María Barja respectivamente, así como representantes da Consellería de Educación, e o conselleiro.

No Consello Galego de Universidades (CGU) celebrado hoxe presentouse o documento de traballo para a elaboración da Lei do Sistema Universitario de Galicia (SUG). 

Asemade no CGU, celebrado no campus das Lagoas, na Universidade de Vigo, tamén se deu conta da aprobación definitiva do Decreto polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais en Galicia. Ademais, os representantes das universidades públicas de Galicia designaron ao representante galego no Consello Científico do programa MaB da Unesco.

Documento presentado

No relativo ao documento relativo á futura lei galega de universidades, o conselleiro recordó que “a normativa existente nestes momentos adoece dunha marcada dispersión, polo que a Consellería comezou a traballar nun documento centrado na necesidade de dotar á nosa Comunidade Autónoma dun texto único que sirva como marco referente en materia de universidades“, ao tempo que recordou que “este documento de traballo que hoxe presentamos precisa da colaboración de todos para así dotar ao sistema universitario dun marco normativo que o conduza aos máximos niveis de eficiencia e excelencia a nivel nacional e internacional“.

Ao mesmo tempo dixo que “é necesario un modelo flexible, que se adapte ás transformacións que está a vivir a sociedade galega en xeral e o ensino universitario en particular, entre outras razóns, pola implantación do Espazo Europeo de Educación Superior”.

Principais liñas

Así sinalou que a futura lei terá como liñas estratéxicas: a racionalización da oferta docente no tocante á oferta de graos-postgraos e de centros universitarios, de acordo coas demandas existentes en Galicia; o fomento da cooperación e a mobilidade interuniversitario; a mellora das estruturas administrativas e de gobernanza interna das universidades, especialmente dos Consellos Sociais; e incrementar a conectividade e a transferencia de coñecemento coa sociedade civil e os sectores produtivos.

Tamén se terá en conta o reforzo da función investigadora da Universidade e a súa conexión con outros centros de tecnolóxicos e investigadores; avanzar cara unha maior internacionalización das universidades; propoñer liñas de acción tendentes a reducir o abandono dos estudantes universitarios; promover e facilitar a igualdade de acceso ao sistema universitario; fixar, a través dos Plans de Financiamento Universitario, os recursos precisos para converxer coas medias estatais e europeas de gasto público en ensino superior en porcentaxes de PIB; e definir, partindo dos principios da Lei de Ciencia, unha carreira investigadora”.

Respecto da elaboración do documento, e na busca do consenso a finais do mes pasado tivo lugar unha primeira xuntanza coas vicerreitoras responsables de titulacións das tres universidades, ás que se proporcionou un esquema de contidos posibles para o primeiro documento de traballo, e se solicitou a achega de suxestións sobre temas a incluír no mesmo. Nesta primeira versión incorpóranse tamén as suxestións aprobadas polo PP e PSOE hai poucos días no Parlamento de Galicia.

Agora, durante preto de dous meses, abrése un prazo para que os membros do CGU poidan analizar esta primeira proposta e acheguen as suxestións de mellora que estimen oportunas.

Consello Científico do programa MaB da Unesco

Durante o CGU, os reitores das universidade galegas ratificaron a Pablo Ramil Rego no posto de representante no Consello Científico, órgano asesor do Comité Español do Programa MaB da UNESCO, que leva exercendo desde fai catro anos.

O programa MaB “home e biosfera” serve de instrumento para a formulación de criterios e exemplificar un novo modelo de relación do ser humano coa natureza. Neste senso o Consello Científico figura como órgano de asesoramento, con representantes das universidades das comunidades que teñen declaradas reservas da Biosfera, como é o caso de Galicia cos Ancares Lucenes e Montes de Navia; ou a Transfronteriza Gerês- Xurés, entre outras. 

Regulación ensinanzas oficiais

Por outra banda, cómpre sinalar que o Decreto polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais en Galicia, xa se publicou o 9 de decembro no Diario Oficial de Galicia. No encontro de hoxe deuse conta do proceso que se desenvolveu para a súa elaboración cuxo anteproxecto xa foi sometido a informe no CGU no mes de maio. Desde entón e ata o pasado 2 de decembro, data no que o texto definitivo foi aprobado en Consello da Xunta, realizáronse distintos informes a partir dos que se realizaron modificacións atendendo as suxestións presentadas polos departamentos implicados. Xa na última etapa, o decreto enviouse ao Consello Consultivo, no que se realizaron alegacións e en función destas procedeuse aos últimos cambios. 

Durante a súa intervención no CGU de hoxe, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, sinalou que “estamos convencidos de que esta era unha norma necesaria para o Sistema e as regulacións contidas nela contribuirán de xeito moi positivo a acadar un ensino universitario na nosa comunidade de calidade e adaptado ao que a sociedade espera das nosas universidades”, ao tempo que recordou que “o texto final foi aprobado por todas as partes implicadas, Consellería de Educación e as tres universidades galegas”. 

Os asistentes

Na reunión, celebrada en Vigo, estiveron presentes o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a subdirectora xeral de Universidades, Beatriz Soutelo; e a xefa do servizo de Coordinación do Sistema Universitario, Lourdes Rodilla Jiménez. Así mesmo estiveron os reitores de Vigo, Salustiano Mato; da Coruña, e de Santiago, José María Barja e Juan Casares Long, respectivamente.

Xunto a eles asistiron ao CGU o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego, José Eduardo López Pereira; os presidentes dos consellos sociais das universidades, Manuel Puga Pereira (USC) e Ernesto Pedrosa Silva (UVIGO). Ademais de Xosé Manuel Cid Fernández, decano da facultade de Ciencias da Educación de Ourense; Federico Vilas Martín, catedrático do área de Estratigrafía da facultade de Ciencias do Mar, ambos da UVIGO. Xunto a eles Maite Cancelo, ex-decana da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

Cómpre sinalar que este é o último CGU ao que José María Barja asistiu como reitor da Universidade da Coruña, e en referencia a el, o conselleiro de Educación sinalou que “quero facer un recoñecemento público á súa labor como membro distinguido do SUG para o cal veu traballando de xeito incansable nos últimos oito anos, tanto desde a súa universidade como no seo deste consello e nos distintos órganos dos que formou parte”.

Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad (1)

Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad (2)