A Xunta avanza a construción do novo instituto de Navia, cun investimento de preto de 12M€ e capacidade para arredor de 700 alumnos

Co fin e axilizar os trámites e proceder canto antes á licitación, o Goberno galego proponlle ao Concello a colaboración para a cesión de terreos e garantía de permisos municipais

Román Rodríguez subliña que “temos vontade, temos proxecto, temos orzamento e, por fin, temos o instrumento urbanístico para facer realidade este proxecto importante para a cidade e para o barrio de Navia”

Ángeles Vázquez anuncia que mañá o Consello da Xunta aprobará a licitación das obras de urbanización do primeiro dos tres polígonos da ampliación, por case 11,5 M€

A infraestrutura ocupará arredor de 8.200 metros cadrados construídos e contará con 20 aulas de docencia, ademais de aulas especializadas, espazos maker, foro, biblioteca, ximnasio e vestiarios

Estará deseñada de acordo coas especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Mér, 16/03/2022 - 15:11
n

A Xunta avanza a construción do novo instituto IES de Navia, un proxecto que se vai facer realidade grazas a un investimento de preto de 12M€ por parte do Goberno galego, tal e como explicaron esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que se desprazaron á parcela que acollerá o centro para dar conta do plan funcional desta obra prioritaria para a Administración autonómica. Na visita tamén participou a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Ambos conselleiros coincidiron en sinalar que se trata dun proxecto esencial para a cidade de Vigo e para a comunidade educativa, especialmente para o barrio de Navia.

“Desde a Xunta temos vontade, temos compromiso, temos orzamento e temos proxecto”, subliñou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que matizou que, ademais, “por fin temos o instrumento urbanístico para facelo”.

O titular de Educación explicou que “agora estamos nun novo escenario que nos permite este impulso”, posto que desde xaneiro deste ano a titularidade dos terreos é do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
Co fin de axilizar os trámites e proceder canto antes á licitación do proxecto, a Xunta trasladoulle ao Concello unha proposta de colaboración entre ambos para materializar a cesión dos terreos e garantir os permisos municipais necesarios para a construción do instituto. Esta proposta está condicionada á aprobación, por parte do Concello, dos proxectos de urbanización da ampliación de San Paio de Navia, onde se atopa a parcela do IES. Neste senso, Román Rodríguez confía na “colaboración” das autoridades municipais para que esta acción estratéxica para Vigo se poida executar o antes posible. O conselleiro comprometeu que, unha vez formalizado o acordo, “procederemos á licitación inmediata da redacción do proxecto de novo IES”.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou o “compromiso indiscutible” do Goberno galego co proxecto de San Paio de Navia. Neste sentido, anunciou que mañá o Consello da Xunta aprobará a licitación da urbanización do primeiro dos tres polígonos nos que se divide a ampliación, por un importe de preto de 11,5 millóns de euros.

O investimento previsto polo Goberno galego para acondicionar o conxunto do ámbito ascende xa a 27 millóns de euros, unha contía que se foi incrementando nos últimos meses pola dilación municipal á hora de pronunciarse sobre a urbanización e ao ter que adaptar os tres proxectos ás preferencias manifestadas a posteriori polo Concello con relación a certos materiais, o que suporá un sobrecusto de 2,4 millóns de euros.

Tras incidir na importancia de iniciar a urbanización de San Paio canto antes e avanzar no desenvolvemento da maior bolsa de solo residencial de toda Galicia, Ángeles Vázquez salientou que o Concello de Vigo aínda ten que aprobar os proxectos de todas as fases da ampliación, remitidos pola Xunta hai xa case un ano. Cómpre lembrar que este trámite municipal é imprescindible para poder adxudicar as obras de urbanización e as de construción das vivendas previstas, así como para que o IGVS poida convocar o concurso para adxudicar o solo dispoñible neste ámbito.

Datos técnicos

De acordo co informe técnico, o novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 metros cadrados construídos sobre unha parcela de 12.576 metros cadrados totais. Nel ubicaranse un total de 20 aulas (16 para Educación Secundaria Obrigatoria e 4 para Bacharelato), e disporá de aulas especializadas (música, tecnoloxía, plástica e debuxo), de laboratorios, aulas multifuncionais (espazos maker), espazo foro, biblioteca, ximnasio, vestiarios e aseos.

Ademais disporá dunha área de Administración (despachos, arquivo, conserxería e reprografía, departamentos didácticos...), de servizos comúns (cafetaría, almacén, vestíbulo e taquillas) e espazos exteriores (patio cuberto, pista polideportiva, espazos cubertos, aparcamento de bicicletas e estacionamentos).

Esta nova infraestrutura estará deseñada seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta para todas as actuacións que se acometen en centros educativos.