A Xunta aproba o decreto que racionaliza a oferta de titulacións en Galicia

Os plans de estudos incluirán mecanismos para a súa revisión e adaptación ás necesidades cambiantes da sociedade

As novas titulacións terán en conta a economía e sectores estratéxicos de Galicia, así como as necesidades do seu mercado laboral

Ven, 02/12/2011 - 18:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará os requisitos para a autorización de titulacións oficias de grao, máster e doutoramento nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) a través do decreto aprobado hoxe polo Consello da Xunta para tal fin. Desta forma a Consellería establece as bases para o exercicio das súas competencias de coordinación e planificación para que as universidades poidan definir a organización, estrutura e contidos das ensinanzas universitarias oficiais, así como obter a garantía de que a oferta destas ensinanzas e títulos oficiais responde a criterios de calidade e a unha adecuada planificación.

Con este decreto a Xunta de Galicia busca unha mellor eficacia e eficiencia na administración dos recursos universitarios, ao tempo que aposta por un SUG de calidade cunha ampla e variada oferta.

Requisitos xerais para as novas titulacións

Para seren autorizadas, as titulacións propostas deberán ter en conta a estrutura económica da Comunidade Autónoma, as necesidades do seu mercado laboral e a existencia dunha demanda real por parte da sociedade e do estudantado, procurando a incorporación de perfís profesionais de futuro e vinculados aos sectores estratéxicos de Galicia, fomentando ao mesmo tempo o espírito emprendedor e o autoemprego dos titulados.

No que atinxe ao eido da investigación, as titulacións terán que ter un carácter esencial ou estratéxico para dar resposta ás necesidades formativas e científicas do Sistema Universitario de Galicia e recollen cuestións de oportunidade, innovación docente e investigadora así como a súa incardinación en redes internacionais de calidade e coherencia cos plans estratéxicos das universidades.

Para evitar multiplicidade de títulos, os plans de estudos propostos non poderán coincidir con obxectivos e contidos doutros títulos oficiais existentes na mesma universidade, e deberán xustificar o encadramento da proposta dentro da oferta global galega, co fin de garantir o equilibrio nos diferentes campus e potenciando a súa singularidade dentro do Sistema Universitario de Galicia. Desta forma búscase a racionalidade, ao tempo que se evitan duplicidades na oferta de titulacións.

Así mesmo, os plans de estudos propostos deberán acreditar a súa viabilidade económica e incluír unha descrición dos mecanismos que permitan, de ser o caso, unha revisión da titulación.

Estudos de grao

No caso dos requisitos específicos, os graos deberán cumprir ao menos dous dos sinalados no decreto: ser interuniversitarios con participación de polo menos dúas universidades do SUG-, incluír actividades docentes e de avaliación en rede, ter un deseño curricular que favoreza a empregabilidade, e favorecer a retención de talento no contorno socioeconómico galego. Ademais, e co obxectivo de facilitar a mobilidade de estudantes entre as diferentes opcións, evitarase a especialización temperá e excesiva dos estudos.

O número mínimo de alumnos para autorizar unha titulación de grao será de polo menos 50 alumnos ao ano de novo ingreso nos campus da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e de 45 nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra. Para os graos xa implantados no momento da entrada en vigor do presente decreto, o número mínimo de estudantes de novo ingreso seralles de aplicación a partir do curso académico 2015-2016; aínda que os requisitos serán xa de aplicación para as novas titulacións de graos que se implanten a partir do curso académico 2013-2014.

Máster e doutoramento

Pola súa banda, os máster deberán cumprir tres das seguintes condicións: ser interuniversitarios, outorgar competencias profesionais, ter unha orientación laboral ou práctica; xustificar o apoio e colaboración de empresas e institucións do contorno socioeconómico, ter garantidas as prácticas do estudantado, no caso de estar recollidas na memoria da titulación, cubrir a formación superior de persoal en áreas de elevada demanda laboral; ou ter carácter internacional. Ademais, os máster deberán ter  debidamente planificada a súa conexión co correspondente grao.

Para a súa autorización as universidades deberán demostrar que o máster terá un número anual de estudantes de novo ingreso non inferior a 20. Nas ensinanzas universitarias oficiais de doutoramento acreditarase que nun período de catro anos contados desde a súa implantación, o número de teses lidas é como mínimo de catro e o programa conta cun número de doutorandos non inferior a 10.  Para estes efectos, os máster e programas de doutoramento interuniversitarios computarán conxuntamente o número de alumnado matriculado. En todo caso, a impartición efectiva dunha titulación oficial de máster ou doutoramento queda condicionada ao cumprimento do requisito de que exista ese mesmo número mínimo de alumnos ou doutorandos matriculados antes do inicio do período lectivo en cada curso académico.

Se as titulacións xa autorizadas non cumprisen o mínimo de alumnos establecido no decreto durante os últimos tres cursos, as universidades afectadas deberán elaborar un plan de viabilidade que modifique o plan de estudos, de modo que faga o título máis adecuado á demanda actual.