A Consellería de Educación participa no VIII Congreso Internacional Intel Educación celebrado en Salamanca

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa impartiu un relatorio sobre o uso das Tic nas escolas rurais

Xov, 24/11/2011 - 18:46

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está participando no Congreso Internacional Intel Educación, que se celebra hoxe e maña no Palacio de Congresos de Salamanca, e no que o director xeral de Educación, José Luis Mira, impartiu hoxe pola tarde un relatorio sobre o uso das Tic nas escolas rurais.

Durante o discurso, o director xeral, fixo referencia á realidade que vive Galicia con respecto á dispersión da poboación, e sinalou que “os colexios rurais están concibidos para dar resposta a esta situación”, ao tempo que destacou a importancia que ten a prestación dos servizos educativos complementarios –comedor e transporte escolar-, dos que dixo que “son fundamentais para garantir  o acceso á educación por parte do alumnado do rural, como para a conciliación da vida laboral e familiar.”

Ademais, resaltou que “desde a Consellería estase a desenvolver o salto tecnolóxico e cualitativo do ensino galego que supón o Proxecto Abalar, continuando coa transformación do sistema educativo tradicional nun novo modelo de centros educativos plenamente dixitalizados”. “Con esta iniciativa estase a mellorar a conexión a internet mediante o Plan de Banda Larga, a dotar de equipamento e infraestruturas aos centros educativos, etc. instando á participación do conxunto da poboación galega nas novas tecnoloxías” engadiu o director xeral.

Neste sentido, lembrou que “mediante o espazoAbalar, estase a fomentar a interactividade entre os membros da comunidade educativa – docentes, familias e alumnado- facilitando ademais, o seguimento académico continuado do alumnado por parte das familias”. Ademais, salientou “o éxito do Repositorio de Contidos Dixitais, que está en continuo crecemento, e que ten dispoñibles na actualidade máis de 800 recursos en castelán, galego, francés e inglés”.

“Computación na nube”

Finalmente, o director xeral, fixo referencia á experiencia que se está a desenvolver no CRA Boqueixón- Vedra, de Santiago “Computación na Nube”, do que se benefician os 90 estudantes das sete escolas que o compoñen.

Así, fixo fincapé no feito que “grazas á integración das novas tecnoloxías, o CRA está a desenvolver as posibilidades da computación na nube adaptada ás necesidades das escolas rurais, e os docentes e alumnos destas sete escolas, poden comunicarse entre si e facer actividades escolares de forma conxunta, a través da rede, sen ter que desprazarse”.

Cómpre recordar que “Computación na Nube” é un proxecto piloto dunha acción desenvolvida polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) sobre as posibilidades da computación cloud (na nube) aplicada e adaptada ás necesidades das escolas rurais, e que foi unha das tres seleccionadas a nivel mundial na convocatoria ‘Cloud computing and Education’ financiada por Hewlett- Packard Labs (HP Labs).

Grazas a isto os membros da comunidade educativa deste centro viaxaron o pasado mes de marzo a Nova Delhi para participar na reunión mundial dos proxectos impulsados por HP, onde representantes da India, China, EEUU, Kenia e Reino Unido amosaron o seu interese polo proxecto galego.

O Congreso

O Congreso Intel Educación, foi inaugurado esta mañá polo conselleiro de Educación de Castilla y León, Juan José Mateos; e está dirixido tanto a responsables das administracións públicas de educación e universitarios e a docentes de todo o mundo.

Durante o mesmo, os asistentes teñen a oportunidade de compartir experiencias sobre a implantación de proxectos TIC aplicados á educación, así como escoitar e participar activamente das exposicións que levarán a cabo relatores procedentes de diversas institucións públicas e privadas de todo o mundo.

Neste sentido, ao longo do congreso, os relatorios xiran sobre os cambios e transformacións no sistema educativo, a xestión do cambio e liderado neste ámbito, as competencias básicas e o mercado de traballo, o novo rol dos axentes do sistema educativo, a formación permanente do profesorado e o uso dos contidos e recursos dixitais.

O Congreso será clausurado mañá por Danny Arate, Director de Educación para Europa e membro do Grupo de Asuntos Corporativos de Intel.