Estudantes da provincia de Ourense achéganse á obra de Lois Pereiro e de Neira Vilas a través de dúas exposicións

O delegado da Xunta en Ourense, a xefa territorial de Educación da provincia e o secretario xeral de Política Lingüística presentaron hoxe as mostras no IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño e no Auditorio Municipal de Celanova

Alumnado e profesorado de diversos centros educativos participaron nos actos

As exposicións forman parte dun proxecto co que Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos están a difundir entre os estudantes a obra e a vida de destacados escritores da literatura galega

Mér, 23/11/2011 - 16:49
Estudantes da provincia de Ourense achéganse á obra de Pereiro e de Vilas
Estudantes da provincia de Ourense achéganse á obra de Lois Pereiro e de Neira Vilas a través de dúas exposicións

Alumnos e alumnas da provincia de Ourense teñen estes días a oportunidade de se achegaren á obra e á vida de dous destacados escritores da literatura galega: Lois Pereiro, poeta homenaxeado en 2011 no Día das Letras Galegas, e Xosé Neira Vilas, autor da obra literaria máis lida en galego, Memorias dun neno labrego.

Para isto contan coas fotografías, os textos explicativos, a música e os audiovisuais de dúas exposicións, que se poden ver estes días no IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño e no Auditorio Municipal de Celanova. As mostras foron presentadas esta mañá polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; pola xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz; e polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

A Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos e Política Lingüística promoven estas dúas exposicións no marco dun proxecto co que pretenden difundir a obra e a vida de recoñecidos escritores das letras galegas e no que tamén se inclúe unha terceira mostra sobre Castelao, que celebra os 125 anos do nacemento do intelectual de Rianxo.

Unha mostra interactiva para achegarse a Lois Pereiro

Os alumnos e alumnas do IES Manuel Chamoso Lamas poden coñecer de preto a obra e a vida de Lois Pereiro a través da exposición multimedia que acolle estes días o centro educativo do Carballiño. As fotos do álbum familiar de Pereiro, algúns dos seus poemas musicados e incluso a voz do escritor protagonizaron o acto de presentación da mostra, que contou coa presenza de alumnos e alumnas do centro.

Tamén participaron no acto o alcalde de Beariz, Manuel Prado; o director do instituto, José Manuel Vázquez; o xefe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, José Fisteos Suenga; o responsable do gabinete de normalización lingüística de Política Lingüística de Ourense, Ángel Míguez; a coordinadora provincial dos equipos de dinamización da lingua galega de Ourense, Manuela Maseda; e Xosé Aldea, director executivo da empresa Ouvirmos, que deseñou a mostra.

A exposición sobre o escritor Lois Pereiro consiste nunha instalación multimedia composta por un muro, que mostra unha liña temporal cos principais episodios da biografía do escritor a través de fotografías e textos, e mais por unha pantalla multitáctil de gran tamaño que se estrutura en catro apartados: Fotobiografía, A voz do poeta, Xogando coas palabras e A música.

Poemas musicados

En Fotografía, o alumnado pode coñecer a vida do autor a través do seu álbum fotográfico familiar. Xogando coas palabras convida os escolares a interactuar cos poemas de Lois Pereiro, creando novas palabras e compoñendo os seus versos. Mentres, A música inclúe poemas do escritor musicados por Manu Clavijo, Alexandro González, Nación Reixa e Radio Océano. Finalmente, ademais de presentar a súa produción literaria, a exposición permite escoitar A voz do poeta no mítico recital do café coruñés Moka en 1996.

Medio século con Balbino

Pola súa parte, alumnado e profesorado do CPR Sagrado Corazón de Celanova, do IES de Celanova e do CEIP Curros Enríquez participaron esta mañá na presentación da exposición Querido Balbino, 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego, que pode verse estes días no Auditorio Municipal do concello. Ademais das autoridades da Xunta, tamén estiveron no acto o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño; o escritor Xosé Neira Vilas; e os comisarios da exposición, Luís Reimóndez e Valentín García.

A exposición Querido Balbino articúlase arredor de dous eixos que guían o espectador a través dun túnel de vitrinas. Dunha banda, preséntase a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia. Doutra banda, amósanse documentos e material referidos á traxectoria seguida polo libro e o seu protagonista. Con este fin, a exposición lembra as edicións, adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas na obra e conta cunha sala onde se proxecta un documental sobre o seu protagornista, Balbino. Diversas obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no personaxe, completan a mostra.

Itinerancia

Logo do seu paso polos principais museos e bibliotecas da comunidade, as dúas exposicións, xunto coa mostra de Castelao, iniciaron o pasado mes de outubro un percorrido por diversos centros educativos das catro provincias que se prolongará ata final de ano, para achegarlles aos estudantes recoñecidos escritores das letras galegas.

A exposición sobre Lois Pereiro visitará o CPI Vicente Otero Valcárcel do 28 de novembro ao 11 de decembro, mentres que a mostra de Querido Balbino, tras a súa parada no camiño en Celanova, poderá verse no CEIP Xesús Golmar de Lalín entre o 5 e o 25 de decembro. Finalmente, a mostra de Castelao, que nestes momentos acolle o IES Ortigueira, viaxará ata o IES Leiras Pulpeiro de Lugo do 12 ao 25 de decembro.

Menús News node R

Departamento

Colectivo