Anxo Lorenzo pon en valor o traballo que desenvolven os servizos lingüísticos locais para fomentar o uso do galego

O responsable de Política Lingüística expresou a intención do seu departamento de “continuar favorecendo” as súas actividades e o seu mantemento

O secretario xeral e o alcalde do Carballiño anunciaron esta mañá a colaboración da Xunta e do municipio no marco da Rede de Dinamización Lingüística

Este proxecto dálles cabida aos concellos con máis experiencia na promoción do galego e tamén a aqueles que teñen a vontade de se iniciaren neste proceso

Mér, 23/11/2011 - 12:56
Anxo Lorenzo pon en valor o traballo que desenvolven os servizos lingüísticos
Anxo Lorenzo pon en valor o traballo que desenvolven os servizos lingüísticos locais para fomentar o uso do galego

“Os servizos lingüísticos locais levan a cabo un labor fundamental no fomento do uso e do prestixio do galego, tanto no ámbito interno dos concellos como no seu contorno social”. Así o afirmou esta mañá o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que destacou a intención do seu departamento de “continuar apoiando o seu mantemento e as actividades que realizan”.

Con este obxectivo, reiterou que a secretaría xeral convocará “unha nova orde de axudas para promover o galego desde o ámbito local, na que os concellos poderán imputar o gasto correspondente ao 2011 e o que se planifique para o 2012”. Ademais das subvencións, Política Lingüística ten en marcha a Rede de Dinamización Lingüística para avanzar na extensión social do galego. Actualmente, 93 entidades forman parte deste proxecto que busca favorecer unha maior colaboración e coordinación entre as administracións autonómica e local nesta materia.

Unha destas entidades é o Concello do Carballiño. Anxo Lorenzo e o alcalde do municipio, Argimiro Marnotes, fixeron hoxe pública a intención da Xunta e da localidade de uniren os seus esforzos a prol do fomento do galego, nunha rolda de prensa na casa do concello.

Todas as entidades locais teñen cabida na Rede

Durante o acto, Anxo Lorenzo asegurou que “o principal cometido que afronta a Rede neste momento inicial é establecer dinámicas de traballo que permitan a planificación e a coordinación do fomento social do galego desde a realidade heteroxénea dos concellos”.

Para isto, a Rede preséntase como unha asociación para a todas as entidades locais, independentemente da súa estrutura. Por unha banda, dálles cabida ás que teñen experiencia na promoción do galego, como o Carballiño, e que en moitos casos contan cun servizo lingüístico estrutural. A este respecto, o secretario xeral recordou que a creación e a eliminación destes servizos lles corresponde unicamente aos concellos. Por outra banda, “a Rede aspira a congregar os municipios que ata agora non participaran de forma activa neste ámbito, pero que teñen a intención de iniciarse na promoción do galego”, dixo.

Finalmente, Anxo Lorenzo recordou que “a Rede está a traballar para podermos multiplicar a eficiencia e a eficacia da dinamización social do galego no conxunto do territorio de Galicia”. Para conseguilo, o secretario xeral solicitou a compromiso de todas as entidades locais e agradeceu o apoio do Carballiño, así como dos outros case 90 concellos que xa están adheridos á Rede.