A campaña “Xantar Compostela” difundirá 150.000 manteis con xogos en galego para promover o idioma desde a hostalería

Establecementos de Santiago de Compostela e comarca colaboran con esta campaña de dinamización lingüística para favorecer a oferta positiva do galego e a súa presenza na ámbito socioeconómico

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Hostalería Compostela impulsan esta iniciativa, que busca achegar o idioma ao tempo de xantar

Mar, 22/11/2011 - 14:07

Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística

Anxo Lorenzo, e o responsable de Comunicación e Márketing da Asociación Hostaler
Anxo Lorenzo, e o responsable de Comunicación e Márketing da Asociación Hostalería Compostela, Aser Álvarez, nunha rolda de prensa que tivo lugar na sede desta entidade, en Santiago.

A campaña de dinamización lingüística Xantar Compostela pon en marcha novas accións para promover o uso galego desde a hostalería. Con este fin, a iniciativa difundirá 150.000 manteis con xogos e palabras en galego entre establecementos do sector de Santiago de Compostela e comarca, que lles permitirán aos clientes e clientas achegarse á lingua propia de Galicia no tempo de xantar.

Así o anunciaron esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o responsable de Comunicación e Márketing da Asociación Hostalería Compostela, Aser Álvarez, nunha rolda de prensa que tivo lugar na sede desta entidade, en Santiago.

A secretaría xeral e a asociación hostaleira puxeron en marcha esta campaña en decembro de 2010, á que agora lle dan continuidade logo da boa acollida nos últimos meses. Con esta nova distribución, a campaña leva difundidos 350.000 manteis entre os máis de 1.500 socios da Asociación Hostalería Compostela, co fin de fomentar o uso do galego, facer visible a presenza do idioma no sector socioeconómico e favorecer a súa oferta positiva.

Dinamización lingüística e dinamización económica

De acordo co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a promoción do idioma no ámbito socioeconómico é un obxectivo prioritario para a Secretaría Xeral de Política Lingüística.  Este marco propón promover a oferta positiva de atender o cliente na lingua propia de Galicia en todo tipo de empresas, especialmente aquelas que, coma as da hostalería, manteñen relacións directas cos clientes e clientas.

Neste sector, segundo explicou Anxo Lorenzo, “o uso do galego ofrécelles vantaxes tanto ao empresariado como á clientela, pois supón a adecuación ao uso social real da lingua galega en Galicia”. Polo tanto, dixo, “o uso do galego, lingua maioritaria en Galicia, contribúe a que o cliente perciba tanto a proximidade do servizo como a súa calidade, pois implica capacidade para adaptarse ás necesidades do usuario”.

Xogos e palabras en galego mentres chega o xantar

Para achegarlles o idioma aos clientes e clientas no tempo de espera antes de xantar, a campaña dispón de catro modelos de manteis que inclúen xogos e palabras en galego. Dous deles están pensados para que os máis pequenos poidan realizar diferentes pasatempos de contido lingüístico, empregando léxico relacionado coas comidas.

Os outros dous modelos están dirixidos aos adultos de dentro e de fóra de Galicia. Para estes últimos propóñense palabras en galego coa súa tradución a diversas linguas (castelán, inglés francés e alemán) para que darlles a coñecer o idioma aos turistas e achegarlles algunhas palabras e expresións de utilidade.