A Consellería de Educación avanza na ampliación e construción de futuros centros escolares na provincia da Coruña

Nos vindeiros días procederase a licitación da redacción dos proxectos básicos e de execución da nova escola de educación infantil de Betanzos, a ampliación do CEIP Ramón Otero Pedrayo, en Laracha, e do novo CEIP de Oleiros

As obras terán un orzamento superior aos oito millóns de euros

Mér, 16/11/2011 - 14:42

A Consellería de Educación dará publicidade, a licitación da redacción dos proxectos básicos e de execución tanto de ampliación como de construción de novos centros educativos na provincia da Coruña.

Así nos vindeiros días darase un paso máis en relación á construción da Escola de Educación Infantil de Betanzos e do CEIP de Oleiros, así como a ampliación do CEIP Ramón Otero Pedrayo, en Laracha. Trátase dunhas obras que contarán cun orzamento superior aos oito millóns de euros.

Centros en Betanzos e Laracha

Así no relativo ao proxecto básico e de execución da EEI en Betanzos, cómpre sinalar que en xuño deste ano asinouse un convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello para a construción do centro, estimándose un custo aproximado de más de 2.200.000 euros. O espazo de 2.370 metros cadrados disporá de 18 aulas, unha sala de usos múltiples e aseos, así como dunha zona administrativa, servizos comúns.

Pola súa banda no relativo ao proxecto básico de ampliación do actual CEIP Ramón Otero Pedrayo en Laracha, cun investimento aproximado de 1.821.905 euros, ten prevista a creación dunha zona docente con doce aulas, una sala de usos múltiples, zona de profesores, así como servizos comúns.

Novo CEIP de Oleiros

Finalmente en relación a licitación da redacción do proxecto básico e de execución do novo CEIP en Oleiros, cun investimento previsto de máis de catro millóns de euros, e que contará con zonas docentes: 6 aulas de educación infantil; 12 aulas de primaria sendo catro para cada un dos ciclos- 1º, 2º e 3º-; ademais de outras catro aulas de pequeno grupo, unha de informática, de música, e outra polivalente, así como a biblioteca, ximnasio, vestiarios, aseos e sala de recursos. Ademais contará cunha zona administrativa e servizos comúns.

Con estas novas accións a Consellería volve a demostrar o seu compromiso coa comunidade educativa galega e coas necesidades dos estudantes dando respostas as demandas existentes e cumprindo coas súas promesas. Do mesmo xeito a Consellería recorda que se continua a traballar nos procesos relativos ás ampliacións dun novo IES en Carral, e do CEIP en Culleredo.