Xesús Vázquez inaugura o seminario de formación de avaliadores da Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia

O encontro reuniu a preto de douscentos profesores e estudantes en representación das tres universidades galegas así como representantes das empresas e de distintas áreas de coñecemento interesados en formar parte das comisións de avaliacións

Mar, 15/11/2011 - 10:58
Xesús Vázquez inaugura o Seminario de Formación de Avaliadores da Axencia de Cal
Xesús Vázquez inaugura o Seminario de Formación de Avaliadores da Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou está mañá o primeiro Seminario de Formación de Avaliadores da Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Na inauguración o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e a presidenta e o director da ACSUG, Patrocinio Morrondo e José Eduardo López Pereira, respectivamente. Ademais tamén asistiu o director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago, Pablo Figueroa Dorrego. Cómpre sinalar que é na EGAP onde entre hoxe e mañá se desenvolve o seminario e que ten a preto de 200 inscritos.

Durante a súa intervención o conselleiro sinalou que “a esixencia da calidade implica unha preocupación xeneralizada pola avaliación. É, tamén, unha expresión clara da demanda da sociedade para que a Universidade renda contas da súa actividade: os obxectivos que pretende e os resultados que acada”, e recordou que “a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior supuxo un cambio, unha evolución que requiriu – e continúa a facelo- un grande esforzo por parte de todos os que formamos parte do sistema universitario. É certo que cada universidade gañou en autonomía. Sen embargo, iso esixiu un cambio de mentalidade, que tivo que traducirse – e estao facendo- en compromiso e responsabilidade de persoas e grupos, planificación, control, transparencia, funcionalidade, eficacia, eficiencia e equidade. A avaliación garante que cada institución cumpra cuns requisitos mínimos para levar a cabo as súas actividades, mentres que procura unha mellora continua da calidade de cada universidade”.

Vázquez Abad tamén destacou que “neste foro, temos claro de qué xeito as avaliacións das axencias inciden no presente e futuro das universidades. Fano, en primeiro lugar, ratificando a calidade do profesorado universitario, un colectivo sometido, como poucos, a avaliacións periódicas de resultados. Valóranse, entre outros, requisitos para os complementos retributivos ou para acreditacións”, e así rematou destacando que “estas son dous labores dunha importancia crucial para conseguir a mellora continua dos procesos universitarios e que precisan avaliadores externos plenamente formados e capacitados”.

O seminario

O acto celébrase hoxe e mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago, e completou o seu aforo con preto de 200 inscritos. Entre os asistentes estiveron profesores e estudantes que representaron ás tres universidades galegas así como outros profesionais procedentes do distintos sectores e áreas de coñecemento. Todos eles interesados en formar parte das comisión de avaliación nomeadas polas diferentes axencia de calidade universitaria.

A xornada de hoxe o seminario terá un contido máis teórico e nel se falará sobre o papel que teñén as axencias e universidades nos diferentes programas de avaliación, así como os puntos fortes e débiles do proceso de análise. Ademais está prevista unha mesa redonda que versará da “Visión dos avaliadores externos”.

Na xornada de maña o contido será máis práctico xa que aos asistentes se lles pedira o desenvolvemento dun caso, para o que se lles entregará a documentación para levalo a cabo. En función do perfil do participantes, académico, estudante ou profesional o desenvolveran dun xeito ou outro e finalmente será avaliado nunha reunión de consenso.

O labor da ACSUG

Cómpre sinalar que a ACSUG é una das dez axencias de calidade universitaria de España, ademais da ANECA. Todas levan a cabo procesos de avaliación de calidade nos que se demanda a colaboración de diferentes colectivos entre os que se inclúen académicos, profesionais e estudantes, para participar en ditos procedementos. Este seminario ten como obxectivo dar a coñercer as actividades da ACSUG, así como fomentar a participación entre os asistentes e facer unha reflexión sobre a situación actual da universidades e os novos retos que se lle presentan.