O conselleiro de Educación percorre as instalacións dos CEIP Vicente Risco, en Cualedro e do Manuel Luís Acuña, en Ourense

Ambos centros teñen sendas aulas dixitais compostas por un ordenador portátil, encerado dixital interactivo e proxector

Mar, 08/11/2011 - 13:24
O conselleiro de Educación percorre as instalacións dos CEIP Vicente Risco
O conselleiro de Educación percorre as instalacións dos CEIP Vicente Risco, en Cualedro e do Manuel Luís Acuña, en Ourense

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá as instalacións e os estudantes de centros educativos na provincia de Ourense. Así percorreu o CEIP Vicente Risco no municipio de Cualedro, e o Manuel Luís Acuña, na cidade das Burgas. En ambas visitas estivo acompañado pola xefa territorial na provincia, Marisol Díaz Mouteira.

Deste xeito a primeira hora da mañá o conselleiro desprazouse ata o concello de Cualedro, onde percorreu as instalacións do CEIP xunto ao director do mesmo Roberto Lloves, e parte do equipo directivo. No centro estudan máis de 45alumnas e alumnos e nos últimos anos realizáronse nel diversas melloras, que incluíron o pintado do edificio, reparacións de canalóns e baixantes, e obras nos baños.

Durante o percorrido polo centro o conselleiro comprobou que se trata dun colexio cunha ampla e completa oferta que conta con seccións bilingües en portugués desde hai tres cursos, e que cumpre coa Axenda 21, a través do seu taller de compostaxe.

Cómpre sinalar que o programa Axenda 21 Escolar de Galicia ten como obxectivo a educación para a sostenibilidade nos centros educativos, a través de aspectos curriculares, organizativos e participativos, todo a través da participación do alumnado, e co profesorado como mediador da aprendizaxe e parte activa na posta en marcha de dinámicas que favorecen a concienciación e promoven a sostenibilidade. O programa desenvolvese a través de talleres, visitas programadas, exposicións e diversas iniciativas nas que participan activamente os estudantes.

Aulas dixitais

Este curso o CEIP Vicente Risco terá unha aula dixital composta por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e proxector. Unha instalación que recibiran grazas a un acordo acadado entre a Consellería de Educación, Secretaría Xeral de Modernización e a entidade Red.es, dependente do Ministerio de Industria. Grazas a dito acordo neste curso repartiranse máis de 600 equipos en centros educativos galegos, priorizando os de infantil e primaria que nestes momentos conten cun menor equipamento das características antes nomeadas e aqueles que asinen contratos programa.

Manuel Luís Acuña

Posteriormente o conselleiro desprazouse a Ourense onde visitou ao CEIP Manuel Luís Acuña, xunto ao director José Manuel Fernández Cid, e parte do equipo directivo, onde comprobou o estado do centro, ao que asisten más de 120 estudantes. Cómpre sinalar que este ano tamén incorporará dúas aulas dixitais, procedentes do convenio citado anteriormente.

En ambas visitas o conselleiro estivo acompañado pola xefa territorial de Educación en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e as respectivas inspectoras. Todos eles deron conta do estado das instalacións nas que se realizaron obras de mellores no que respecta á pintura, reparación de baixantes, instalación de baño, colocación de fiestras e adaptación á rede informática, entre outras accións.

Durante ambas visitas Vázquez Abad estivo recordou aos directores e equipos directivos que ao realizar estes percorridos continúase a comprobar de primeira man a situacións dos centros educativos e as súas necesidades. Así recordoulles que a Consellería ven de traballar a prol da calidade educativa, unha calidade que, tal e como destacou, é posible grazas á profesionalidade do conxunto dos docentes do ensino público galego, sen os cales non sería posible formar dun xeito adecuado as vindeiras xeracións.