A Xunta impulsará a través do Recupera un plan de choque para blindar a calidade e a equidade do sistema educativo galego co apoio de 1250 docentes

O obxectivo fundamental é reforzar as aprendizaxes non adquiridas por mor da pandemia, previndo o fracaso e o abandono educativo temperá

Contará cun investimento de preto de 13M€ e beneficiará a 50.000 alumnos

Estrutúrase en catro liñas de actuacións centradas no reforzo das competencias, o acompañamento de alumnado e familias, a formación do profesorado e o benestar emocional

Esta folla de ruta foi deseñada por un grupo de traballo específico do Comité Educativo e dialogado cos axentes da comunidade escolar

Lun, 14/06/2021 - 12:17

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan Recupera, a folla de ruta da Xunta de Galicia “para garantir e blindar a calidade e a equidade do sistema educativo galego”, o que constitúe unha das principais acción estratéxicas do Goberno galego para o próximo curso. A través del impulsarase un plan de choque, con especial fincapé no primeiro trimestre, co apoio de 1250 docentes que contribuirán a reforzar aquelas competencias non adquiridas polo alumnado por mor da crise sanitaria.
Neste sentido, o conselleiro explicou que o Plan Recupera ten entre os seus obxectivos apoiar ao alumnado máis vulnerable, detectando e identificando as necesidades de aprendizaxe xeradas a raíz da pandemia e mellorar o rendemento académico, facilitando a adquisición de competencias e proporcionando recursos didácticos pedagóxicos de referencia para o traballo docente. A principal finalidade é previr o risco de fracaso e abandono escolar temperán, de tal xeito que Galicia continúe na xeira de descenso desta taxa, que na Comunidade se reduciu en máis do 50% respecto de 2009.
Román Rodríguez salientou que o Plan Recupera porá a disposición da comunidade educativa “todas as ferramentas posibles para que ningún alumno quede atrás”, cun investimento de preto de 13M€ e cunha previsión de alcance de arredor de 50.000 alumnos.
Esta folla de ruta foi deseñada a través dun grupo de traballo específico no marco do Comité Educativo, así como dialogado cos distintos axentes da comunidade educativa. Na presentación do documento participaron, de feito, as directoras dos institutos Valadares (Vigo), Eva López Tarrío; de Ames, Marisol Louro Lestón; e do colexio Paradai (Lugo), Marta Castro Girona, integrantes do equipo que elaborou o plan.

Dous horizontes temporais

O Plan Recupera artéllase en catro liñas de actuación, da que a principal é o reforzo das competencias a través dun plan de choque dividido en dous horizontes temporais. Por unha banda, as actuacións pensadas para os cursos finais de etapa, en concreto 6º de Primaria, 4º de ESO, 1º de Bacharelato (entendido o 2º como un curso xa máis centrado na ABAU) e 2º de FP Básica. Neste caso, artellarase accións de reforzo e recuperación ao longo de todo o curso, co fin de garantir que o alumnado chega a xuño coa adquisición idónea de competencias. Serán un total de 450 docentes os que se encarguen de prestar este apoio.
Por outra banda, no resto dos niveis participantes no Plan Recupera (4º e 5º de Primaria, 1º, 2º e 3º de ESO e 1º de FP Básica), o plan de choque centrarase no primeiro trimestre, cunha dotación de 800 docentes. “É dicir, falamos de 1250 docentes que se encargarán do reforzo das competencias non adquiridas por parte do alumnado que o precise”, resumiu o conselleiro.

Contrato-programa a petición dos centros

Nas dúas modalidades o plan artellarase a través da sinatura dun Contrato-programa con cada un dos centros participantes. “Serán os propios centros os que, analizando os resultados da avaliación de fin de curso, propoñan á Consellería un plan de actuación que se adapte aos requisitos fixados”, explicou o conselleiro.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica hoxe mesmo a resolución para que os centros soliciten estes contratos-programa, trámite que poderán realizar ata o vindeiro 15 de xullo.

Nova rede de acompañamento

De forma adicional, a Consellería porá en marcha ao longo de todo o territorio galego unha nova rede de unidades de acompañamento e orientación persoal e profesional para apoiar o desenvolvemento do plan: a Rede de orientación persoal e familiar de Galicia (RAOGAL). “O obxectivo desta rede –sinalou Román Rodríguez– será desenvolver actuacións de seguimento ao alumnado con maiores dificultades, tanto desde o punto de vista educativo como familiar”.
Serán un total de 32 os docentes que compoñan esta rede, que atenderán as necesidades de reforzo do alumnado doutras tantas zonas, tendo en conta a singularidade do alumnado do rural. Cada un destes docentes será responsable dunha Unidade de Acompañamento e Orientación persoal e familiar (UACO).

Formación do profesorado

A terceira liña de actuación do Plan Recupera pasa polo reforzo da formación do profesorado e das familias para que poidan exercer o seu labor formativo e de acompañamento. Este labor desenvolverase a través de dúas vías: por una banda, actividades formativas específicas dirixidas aos departamentos de orientación, ao persoal dos centros, equipos directivos ou familias; por outra, accións integradas no Plan de Formación do Profesorado en Centro.
Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que este ano “incluímos unha nova liña de actuación orientada a accións como a detección precoz do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo ou á consolidación do Deseño Universal da Aprendizaxe” nestes plans.

Benestar emocional

O reforzo do benestar nas aulas constitúe a cuarta liña de actuación do Plan Recupera. Para iso, impulsaranse estes aspectos a través de Contratos-programa específicos centrados en fomentar a educación socioemocional da comunidade educativa, en favorecer e fortalecer a autoestima, a empatía e a resiliencia.
Así mesmo, actuarase a través dos Plans de Convivencia nos centros educativos, prestando especial atención a cuestións que teñen un impacto directo na mellora do proceso de aprendizaxe.
Por outra parte, enfocaranse algunhas das iniciativas do Plan de Benestar Emocional aos obxectivos do Plan Recupera, facilitando ferramentas para traballar o autocontrol e a autonomía emocional.

Reducir os efectos da pandemia

“Galicia ten destacado nos últimos anos por acadar uns resultados máis que satisfactorios”, dixo Román Rodríguez, que puxo en valor que en 2020 “acadamos un mínimo histórico de abandono e educativo temperá (un 12% de media), situándose catro puntos por debaixo da media española.”
O representante da Xunta de Galicia lembrou que este Plan Recupera nace do convencemento de que a pandemia “tivo unha afectación no noso alumnado, polo que debemos facer un esforzo para seguir mantendo os parámetros de calidade e equidade do sistema educativo galego”, que quedaron reflectidos en resultado como o do último informe PISA, “que sitúa o noso sistema educativo como o máis equitativo e cun maior rendemento académico promedio de toda España”.